APROBADA A ESTRUCTURA ORGÁNICA DA CONSELLERÍA DE CULTURA, EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

20 / 01 / 2012

O Consello da Xunta de Galicia aprobou onte a estructura orgánica da recen creada Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, que refunde nun único departamento atribucións, facultades, competencias e funcións que ata agora viñan exercendo as antigas consellerías de Educación e Ordenación Universitaria, e de Cultura e Turismo. Mentres que a Secretaría Xeral de Política Lingüística, a Secretaría Xeral de Universidades, a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa e a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos manteñen a mesma estructura, competencias e funcións, outros órganos das extintas consellerías modifícanse. Deste modo, configúrase a Secretaría Xeral de Cultura como novo órgano superior da Xunta de Galicia para o desempeño de funcións en materia de cultura dentro da Consellería. Esta Secretaría dispón de dous servizos -Servizo Técnico-Xurídico e Servizo de Xestión Administrativa-, e tres subdireccións Xerais directamente dependentes do secretario Xeral, así como o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC). Depende tamén desta Secretaría a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, mentres que se suprime a Dirección Xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos. As xefaturas territoriais de Cultura pasan a integrarse nas da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Directamente da Secretaría Xeral de Cultura dependen a Subdirección Xeral de Bibliotecas -encargada dos servizos do Libro e Publicacións, da Biblioteca de Galicia, do Sistema de Bibliotecas e do Rexistro da Propiedade Intelectual de Galicia-; a Subdirección Xeral de Arquivos -da que dependen os servizos do Arquivo de Galicia e do Sistema de Arquivos-; e a Dirección do Centro Galego de Arte Contemporánea. Pola súa parte, a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural estructúrase na Subdirección Xeral de Protección do Patrimonio Cultural -que se ocupa do planeamento, inventario, protección, fomento, vixilancia e inspección-, e na Subdirección Xeral de Conservación e Restauración de Bens Culturais -da cal dependerán os servizos de Arquitectura e Etnografía, de Arqueoloxía e de Museos-. Por último, quedan adscritos á Consellería a Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) e a Axencia para a Xestión Integrada, Calidade e Avaliación da Formación Profesional.

Categoría: Noticias
Etiquetas: