O vindeiro luns 27 de febreiro regresan a Santiago as “Lúas de Amal”, unha iniciativa da Fundación Araguaney para exhibir cine euroárabe fóra da semana oficial do propio Festival Amal.
É xa o cuarto ano que se organiza dita actividade, grazas á que o público poderá ver gratuitamente unha serie de películas que foron proxectadas en edicións anteriores do Festival. Nesta e nas demáis ocasións, a hora de proxección das películas será ás 22,00 h. O curioso é que os espectadores poderán votar entre 3 opcións para elixir a película que desexen que se proxecte en cada ocasión. Poderá facerse a través da web www.festivalamal.es
“As Lúas de Amal” comezarán o vindeiro luns 27 de Febreiro, data na que se exhibirá a longametraxe documental “Erhal. Diario da Praza Tahrir”, de Marc Almodóvar. Como primeiro prato das lúas, os espectadores poderán visionar o primeiro dos films que se proxectou na pasada edición de Amal, o día 24 de Outubro. O documental é unha crónica dende dentro dos 18 días de revolución en Exipto que provocaron o 14 de xaneiro de 2011 a caída dun dos ditadores máis estables de Oriente Próximo: Ben Alí. O pobo, reclamando liberdade e xustiza social, rompeu a barreira do medo, saíu á rúa e iniciou unha revolta que sacudiría ao mundo enteiro.
PRÓXIMAS CITAS COAS “LÚAS DE AMAL”
Nas seguintes citas o público determinará a película que se proxecte. Para iso, a organización dará a elixir entre 3 posibles títulos, e os espectadores poderán votar polo seu favorito na web www.festivalamal.es. O filme que teña máis votos será o que se exhiba.
As datas das próximas “Lúas de Amal” son as seguintes: 26 de marzo, 30 de abril, 28 de maio e 25 de xuño.