O PÚBLICO DAS “LÚAS DE AMAL” PODERÁ DECIDIR QUE PELÍCULA QUERE VER A TRAVÉS DUNHA VOTACIÓN

8 / 03 / 2012

Os espectadores das “Lúas de Amal” xa poden votar que película desexan que se proxecte o luns 26 de Marzo na nova cita con esta actividade.

As “Lúas de Amal” configúranse como o encontro dos últimos luns de cada mes co Festival Amal, onde o público ten a oportunidade de visionar cine euroárabe que xa se exhibiu na pasada edición do festival. O curioso desta iniciativa é que é o público quen elixe que película quere ver cada luns. Para iso, a organización do Festival, dirixido por Ghaleb Jaber Martínez e coordinado por Coralie Yap Chine, propón 3 opcións, xa sexan curtametraxes ou longametraxes, e o público deberá votar cal é a que desexa ver. As votacións faranse a través da web do festival www.festivalamal.es, ata o mércores 21 de Marzo.

As tres opcións propostas para o luns 26 de marzo son:

1. LONGAMETRAXE DE FICCIÓN:

VALE, BASTA, ADIOS

de Rania Attieh e Daniel García, 2011, Emiratos Árabes Unidos/Líbano, 93 min

2. LONGAMETRAXE DOCUMENTAL:

ESTA É A MIÑA TERRA, HEBRÓN

de Giulia Amati e Stephen Natanson, 2010, Italia, 72 min.

3. CONXUNTO DE 3 CURTAMETRAXES:

UNHA VIDA CURTA

de Adil El Fadili, 2010, Marrocos, 15 min.

AL MADINA

de Gonzalo Ballester, 2011, España e Marrocos, 14 min.

THE POWER OF GENERATIONS

de Mohammed Jassim, 2010, Baréin, 3 min.

O escenario da proxección da película ou das curtametraxes elixidas será a Galería Caroní da Fundación Araguaney, na Rúa do Vilar 21, en Santiago de Compostela. A hora de comezo serán as 22,00 h da noite.

As próximas citas coas “Lúas de Amal” están previstas para os luns 30 de Abril, 28 de Maio e 25 de Xuño, onde tamén se abrirá un período de votación para elixir as películas desas datas.

Categoría: Noticias
Etiquetas: