SESIÓN LOIS PATIÑO NO CGAI

9 / 03 / 2012

O Centro Galego de Artes da Imaxe presenta mañá sábado 10 de marzo (18.00 horas) varios dos traballos de Lois Patiño (Vigo, 1983): Na vibración da terra (2011), Na vibración da auga (2011) e Esliva (2011). A sesión inclúe un adianto do seu traballlo en proceso, Costa da Morte (2012). Haberá presentación e encontro posterior co público. A entrada é de balde. 

Nado en Vigo en 1983, Lois Patiño compaxinou estudos de psicoloxía na Universidade Complutense cos cinematográficos na escola TAI de Madrid. Asistiu a obradoiros e cursos de diferentes artistas: Daniel Canogar (de instalacións), José Luis Guerín (documentais), Donald Kuspit (videoarte), Bob Wilson, Isaki Lacuesta, Albert Maysels, Nicolas Phillibert, Frederick Wiseman…En 2004 viaxa a Nueva York para completar a súa formación en dirección de cinema na New York Film Academy, e en 2008 participa no Máster en Documental de Creación de la
Universidad Pompeu i Fabra.
Dende 2007 vén desenvolvendo unha prolífica obra no campo do documental e o cinema experimental, con títulos coma Profesor Tejero (Documenta Madrid 2008), Rayito (Bolsa de Creación Fundación Caixa Galicia), Zuma, embajador del Sol, Recordando los rostros de la muerte (Documenta Madrid 2010), e as series Paisaje interior (Ribeira Sacra, Calvet, L´Aquatic), Paisaje-duración (Río, Trigal, Puente) e Paisaje-distancia (Casa, Pescadores en el mismo río, Encuentro entre hombres, Construyendo en las montañas), seleccionada nos Rencontres Internationales París-Berlín-Madrid 2010. As pezas proxectadas no CGAI estarán no Play-Doc de Tui.  

NA VIBRACIÓN DA TERRA     
(España, 2011)
Dirección, produción e fotografía: Lois Patiño. Duración: 8 min.  
Percorrido poético por unha paisaxe primitiva, onde os procesos de formación da Terra se fan presentes. A Terra latexa e vibra. O ser humano, insignificante, vese reducido a espectador destas forzas naturais.
 
NA VIBRACIÓN DA AUGA     
(España, 2011)
Dirección, produción e fotografía: Lois Patiño. Duración: 5 min.  
Unha ollada calada á enerxía da natureza, manifesta na caída a cachón dunha fervenza. As persoas observan cativadas o espectáculo natural que se desprega ao seu redor, envolvéndoas.
 
ESLIVA     
(España, 2011)
Dirección, guión e fotografía: Lois Patiño. Produción: Iván Patiño para Amanita Films. Intérpretes: Charly Alba. Duración: 23 min.  
Obra contemplativa que acompaña un místico ermitán polo interior dun bosque de forza animista. A calma ráchase ao recibir Esliva un aviso da natureza sobre un desastre inminente. Son de Miguel Calvo e música de Ann Deveria.

Categoría: Noticias
Etiquetas: