LA DOLCE VITA, ESTA TARDE NO CGAI

3 / 04 / 2012

O Centro Galego de Artes da Imaxe regresa HOXEtes 3 de abril (20.00 horas) co ciclo dedicado ao cineasta italiano Federico Fellini coa proxección de La Dolce Vita (1959), un clásico que sinala todo un punto de inflexión dentro do cine moderno. O filme terá un segundo pase o mércores 4 de abril, tamén ás 20.00 horas, ambos en formato DCP, aproveitando a restauración de titulos clásicos que determinadas empresas de distribución están realizando e o proxector dixital 2k dispoñible e inaugurado o ano pasado polo CGAI. A nosa programación, logo dos festivos da Semana Santa, volve o martes 10 de abril precisamente con Casanova (1976) de Federico Fellini.     LA DOLCE VITA     

(Italia-Francia, 1959)
Dirección: Federico Fellini. Guión: Federico Fellini, Ennio Flaiano, Tullio Pinelli e Brunello Rondi. Produción: Riama Films e Pathé Consortium Cinéma. Fotografía: Otello Martelli. Intérpretes: Marcello Mastroianni, Anouk Aimée, Anita Ekberg. Duración: 177 min.  
Marcello (Marcelllo Mastroianni) é un xornalista de sociedade, promesa da literatura, que traballa en Roma, con Vía Veneto como campo de operacións. Un día envíano a recoller a unha estrela de cine ao aeroporto e queda engaiolado con ela. Impresionante fresco social que á maneira de relato fragmentado (a translación ao cine do concepto de antroido), viaxe á fin da noite e road-movie nocturna, supón unha das marcas da modernidade fílmica. Unha moza chea de ciumes e reproches, unha nobre superficial e enfastiada, un pai co que non hai comunicación, burgueses, fotógrafos, artistas, bohemios, industriais, intelectuais, aristócratas, un retrato sen contemplacións das múltiples capas sociais a cargo dun Fellini transgresor dos límites realistas en doce mestura coa súa fantasía inacabable. Aparicións de Laura Betti, Magali Noël, Lex Barker, Alain Cuny, Jacques Sernas e uns mozos Adriano Celentano e Nico. Palma de Ouro en Cannes 1960 e Oscar ao mellor vestiario.  

Categoría: Noticias
Etiquetas: