A CORUÑA, 25 DE ABRIL DE 2012. Apenas quedan dous días para a celebración da X edición dos Premios Mestre Mateo, que este ano terán lugar no auditorio Gaviota do Palexco da Coruña, polo que a organización da gala está xa cos últimos retoques. Tanto María Castro, mestra de cerimonias, como Luis Tosar, que participará en parte do espectáculo, xa realizaron os primeiros ensaios e volverán ao escenario do Palexco o venres e o sábado, respectivamente, para pulir os derradeiros detalles dunha gala atípica. Este ano a dirección dos premios, con Ángel de la Cruz á fronte, aposta polos números musicais, o humor, a autocrítica e, tamén, pola esperanza ante o futuro do audiovisual galego porque “o talento non está en crise”.
Oliver Twist, Pennies from heaven, Se eu fora rico ou o “Acuarius” do musical Hair serviron de inspiración para un espectáculo de dúas horas de duración. Nel repasaranse cunha ollada ácida pero tamén optimista as crises máis importantes dos últimos séculos, desde a Revolución Industrial do século XIX ata a presente, tendo claro que toda crise pasada foi sempre peor.
Este xoves pola mañá rematarase de montar a iluminación e o decorado no auditorio do Palexco; o venres realizaranse as probas de maquillaxe, perruquería e vestiario da presentadora da gala; e xa pola tarde dese mesmo día haberá ensaios cos bailaríns. O sábado todo o equipo fará a proba definitiva da escaleta para que ás 21 horas estea todo a punto para a retransmisión en directo da TVG.
Participación das caras máis coñecidas do audiovisual galego
Na gala dos Premios Mestre Mateo 2011 entregaranse galardóns en 28 categorías, para as que están nominados 107 profesionais. Cada un dos gañadores recibirá a súa estatuilla de mans dunha parella de artistas convidados, que entregará cada unha delas tres premios a tres categorías distintas. Serán en total dez parellas, ademais da encargada de recibir ao Premio de Honra Fernando Rey. No medio de cada unha das intervencións irán intercaladas diversas actuacións, shetcks e monólogos, para facer desta festa do audiovisual galego unha noite de entretemento.
Entre as parellas encargadas de entregar os premios figuran algunhas das caras máis coñecidas da televisión e a escena galegas, como Beatriz Manjón, Xosé Manuel Oliveira “Pico”, Isabel Blanco, María Mera, Pedro Alonso ou Isabel Risco. Así mesmo, pasarán polo escenario gala dos Premios Mestre Mateo outros actores e actrices galegos, máis coñecidos polo seu traballo a nivel estatal, como Javier Gutiérrez, que encarna ao entrañable Satur en Águila Roja, David Seijo, que é Ramiro na serie El Barco, ou o presentador Fernando González «Gonzo».
Mediada a gala as produtoras Emma Lustres e Fernanda del Nido, en nome da Academia Galega do Audiovisual, faranlle entrega do Premio de Honra Fernando Rey a Dolores Ben, outorgado pola súa decidida aposta polo audiovisual do país, que vén demostrando nos últimos 20 anos de traballo a prol do sector.
Entre os proxectos que acaparan máis candidaturas nesta edición están a serie de televisión Matalobos, con 15 nominacións; a longametraxe de ficción Doentes, con 13; a longa de animación Arrugas, con 8; a longa documental Tralas Luces, con 6; e a longametraxe para televisión Eduardo Barreiros, o Henry Ford galego, tamén finalista en 6 categorías.
Os #PMM11 contan co patrocinio da Secretaría Xeral de Cultura da Xunta de Galicia, da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e da TVG. Colaboran, ademais, o Concello da Coruña, a Deputación da Coruña, o ICAA, a SGAE – Fundación Autor, a Fundación AISGE, Gadis, Palexco, Begano, Superbock, Trevisani, a CDRO Queixo San Simón da Costa, a DO Queixo Arzúa Ulloa, IXP Pan de Cea, o Coro Cantabile, a Escola de Imaxe e Son da Coruña, Saturna, Caramelo, Oki Coki, Roberto Verino, Píxel Films, o Centro Coreográfico Galego e alumnos da Escola de Danza Druída, Queixo Tetilla, Monterrei, Filmanova, Tic Tac Producciones, Peluquería Cavelicco, Peluquería Fátima Albo, Peluquería Lida e Diseño Peluquería.