O CGAI ACOLLE, EN COLABORACIÓN CO S8, A PRESENZA DE PETER KUBELKA

30 / 05 / 2012

O Centro Galego de Artes da Imaxe acolle, en colaboración con (S8) III Mostra de Cinema Periférico da Coruña, a presenza do cineasta experimental Peter Kubelka (Viena, 1934) na programación destes días. Mañá xoves 31 de maio (18.00 horas) un documental sobre a súa traxectoria, Fragments of Kubelka (2012) de Martina Kudláček. O venres día 1 de xuño (20.30 horas) un repaso íntegro á súa obra –as sete pezas que a conforman- presentadas e explicadas por el mesmo. A entrada a esta última sesión é de balde. 

S8: PETER KUBELKA:
En colaboración con (S8) III Mostra de Cinema Periférico da Coruña.  
 
É difícil topar cunha personalidade máis apaixonante, inquieta, erudita e versátil que a do austríaco Peter Kubelka. Cineasta experimental mítico e de obra especialmente exigua –sete pezas, apenas unha hora de duración total-, a súa produción cinematográfica aparece elaborada ao longo de case que sesenta anos. Nado en Viena en 1934, fundador xunto a Peter Konlechner da cinemateca do seu país, a Österreichische Filmmuseum (1964), e tamén da Anthology Film Archives, establecido daquela en Estados Unidos (1970), teórico da radicalidade estética, pioneiro iconoclasta, docente, membro dunha vangarda estadounidense extraordinaria, a dos 60 –de Stan Brakhage a Jonas Mekas-, Kubelka é ademais experto cociñeiro e intérprete de música barroca, actividades todas que unifica ou integra nun todo coherente que fai del un convidado excepcional co gallo da celebración de (S8) III Mostra de Cinema Periférico.   
A sesión Integral Kubelka permitirá que o autor presente -experiencia inesquecible- as sete películas, a máis curta dun minuto de duración, a máis longa de dezaseis, que representan a súa filmografía: Mosaik im Vertrauen (1954-1955), Adebar (1956-1957), Schwechater (1957-1958), Arnulf Rainer (1958-1960), Unsere Afrikaraise (1961-1966), Pause! (1975-1977) e Dichtung und Wahrheit / Poetry and truth (1996-2003). A sesión onda Peter Kubelka, moi capaz de analizar e adubar todos os elementos, resérvanos sorpresas. Os procesos de elaboración e depuración da súa obra exemplifican a tarefa e significación desta figura épica pola que pululan cine da irrupción e non narrativo, arte métrica, aprehensión da imaxe e do son, contacto directo coa materia, recuperación de realidades sensoriais, subversión da publicidade e da imaxe estandarizada, interconexión con outros ámbitos artísticos, ritmo, musicalidade, cadencias, autenticidade, un cine lucidamente reducido á súa esencia, mergullado nun mundo de pracer e éxtase. En fin, unha personalidade única.
A presenza de Peter Kubelka vén precedida dun documental de case catro horas de duración dirixido pola cineasta checa Martina Kudláček, Fragments of Kubelka, onde o realizador austríaco expón a súa filosofía de vida nunha longa entrevista puntuada con imaxes de arquivo e algúns, máis ben poucos, fragmentos das súas películas, dado o receo do cineasta austríaco a dixitalizar a súa obra.

PETER KUBELKA:

Xoves 31 de maio (18.00 horas)
FRAGMENTS OF KUBELKA
Martina Kudláček, 2012. 232’.
Documental onde Peter Kubelka expón de xeito intenso, certeiro e revelador a súa filosofía de vida. Materiais biográficos, procuras da súa esencia por medio dunha longa entrevista puntuada con imaxes de arquivo e algúns, máis ben poucos, fragmentos das súas películas, dado o receo do cineasta austríaco a dixitalizar a súa obra.

Venres 1 de xuño (20.30 horas)
INTEGRAL PETER KUBELKA
Presentación a cargo de Peter Kubelka  

MOSAIK IM VERTRAUEN
Peter Kubelka, 1954-1955. 16’.
Loitando contra a incapacidade dos filmes comerciais para explotaren ou exploraren todas as súas posibilidades, Peter Kubelka parte das imaxes apropiadas do filme Alfred Schmeller para desmitificar e pór en cuestión os dogmas e cuestións formais que sustentan a arquitectura fílmica máis o seu debate. A trama ou os usos do tempo son subvertidos nesta primeira peza da súa filmografía.  
 
ADEBAR
Peter Kubelka, 1956-1957. 1’.
Primeiro filme métrico do autor austríaco, parte dun traballo publicitario. O material visual do filme é combinado, de acordo con certas regras, cunha consistente alternancia de positivo e negativo.

SCHWECHATER
Peter Kubelka, 1957-1958. 2’.
Kubelka subverte o suposto poder das mensaxes subliminares das imaxes. O feito de que un filme proxectado consista en vinte e catro imaxes por segundo constitúe a base do cine métrico e explica as decisións tomadas polo director. Terceira mostra do seu traballo, que deixa ver o carácter de aprehensión dos elementos e do contacto directo coa materia establecidos na súa obra.     

ARNULF RAINER
Peter Kubelka, 1958-1960. 7’.
Un dos filmes máis absolutamente radicais endexamais concibidos. Unha sucesión de fotogramas negros e transparentes e de son e silencio, ordenados segundo diferentes ritmos e cadencias que, en proxeccións, transfórmanse nunha sucesión de fulgores de luz e de son. O título deriva da amizade de Kubelka co mecenas Arnulf Rainer. A conxunción de luces e sombras, son e silencio foi seguida con posterioridade na súa absoluta redución por Tony Conrad, Paul Sharits e outros.
 
UNSERE AFRIKARAISE / OUR TRIP TO AFRICA
Peter Kubelka, 1961-1966. 13’.
Unha das máis sofisticadas visións na historia do cine, monumento narrativo elaborado case como filme caseiro que retrata antes o carácter do viaxeiro do que o continente percorrido. Unha conexión de imaxes orquestradas con calidade e intensidade.

PAUSE!
Peter Kubelka, 1975-1977. 12’.
O mecenas Arnulf Rainer é tamén un artista de intensidade e orixinalidade únicas. Pause! achégase a esta faceta artística e ás propias nocións da arte contemporánea. E, por suposto, faino, pero de xeito radical. Como dixo Jonas Mekas, desintegrándose e converténdose en moléculas, imaxes de movemento e expresión, un orgánico tesouro da natureza.
 
DICHTUNG UND WAHRHEIT / POETRY AND TRUTH
Peter Kubelka, 1996-2003. 13’.
Kubelka toma a metraxe de tres anuncios publicitarios. Entre a captación das suxestións que a imaxe contén, o exercicio esixente de arqueoloxía fílmica e a práctica do ready-made, asistimos a unha exploración da radicalización e da modernidade.  

Categoría: Noticias
Etiquetas: