Dende hoxe, mércores 6, ata o vindeiro venres, 8 de xuño, o Centro Galego de Artes da Imaxe adica un ciclo ao gran Ferderico Fellini.
Mércores 6 de xuño (18.15 e 20.45 horas) (¡!)
BLOCK-NOTES DI UN REGISTA / FELLINI: A DIRECTOR’S NOTEBOOK
Federico Fellini, 1969. Con Giulietta Massina, Marcello Mastroianni. 52’.
Precedente de documentais creativos como Los Clowns, Roma, Ensayo de orquesta ou Entrevista, o traballo filmado para a NBC Company (Estados Unidos) é un tributo ao proxecto abortado longamente acariciado por Fellini, Il viaggio di Mastorna. Tamén aparece como un percorrido por moitos dos rostros coñecidos (Massina, Mastroianni, Nino Rota) da súa filmografía funcionando, en palabras de Ángel Quintana, como “un documental artellado como se fosen os apuntamentos dun posible ensaio sobre a creación felliniana”.
PROVA DI ORQUESTA / ENSAYO DE ORQUESTA
Federico Fellini, 1978. Con Balduin Bass. 70’.
Filme-enquisa e documental sobre un proceso de creación (a execución dunha peza musical) rodado para a RAI cunha orquestra como motivo central. O ensaio dun grupo de músicos nunha capela romana devén en alegoría política que reflexiona sobre o poder e a arte grazas á rebelión dos músicos contra o despótico director de orquestra e a necesidade de harmonía do colectivo. Última colaboración co compositor Nino Rota, falecido despois da rodaxe.
Xoves 7 de xuño (18.15 e 20.45 horas) (¡!)
E LA NAVE VA / Y LA NAVE VA
Federico Fellini, 1983. Con Freddie Jones, Barbara Jefford. 132’.
1914, un barco transporta as cinzas da famosa cantante de ópera, Edmea Tentua. O barco vai cheo de atípicos personaxes que pretenden enterrar a diva nunha illa do Mediterráneo. Impregnada de melancolía, Fellini leva ás últimas consecuencias a súa noción de entroido, apropiándose do mundo operístico, consentindo unha posta en escena e elementos tan barrocos como espectaculares afíns aos seus intereses. Outra produción colosal con dezaseis semanas de rodaxe, un cento de actores e varios estudos de Cinecittà empregados, capaz de crear un xogo-homenaxe-apropiación de estilos da historia do cinema que engarza coa dimensión histórica do que se conta.
Venres 8 de xuño (18.15 e 20.45 horas) (¡!)
GINGER E FRED / GINGER Y FRED
Federico Fellini, 1986. Con Giulietta Massina, Marcello Mastroianni, Franco Fabrizi. 127’.
Unha parella de antigos danzaríns, Amelia e Pippo, volven reunirse por mor dun programa de televisión, un especial de variedades organizado polo cabodano. Tentan volver bailar e recuperar as vellas formas do music-hall, pero o mundo do presente, a súa noción de espectáculo, semella ir por outros camiños. Tenra e apocalíptica, caos colectivo ben organizado onde Fellini mostra con nostalxia a súa concepción da vida, da representación e a propia natureza das imaxes.