ENTREGADOS OS PREMIOS DO CONCURSO DE CURTAS DE ANIMACIÓN EN GALEGO PARA ESCOLARES NÓS TAMÉN CREAMOS!

18 / 06 / 2012

O certame de curtametraxes de animación en galego Nós tamén creamos!, promovido pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, no marco do programa de dinamización lingüística homónimo, entre escolas de educación infantil e primaria de Galicia, xa ten gañadores.

A través de Nós tamén creamos!, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria dálle continuidade ao programa de dinamización lingüística iniciado no curso 2010-2011, polo cal tódalas aulas de infantil dos centros escolares de Galicia recibiron tres curtas en galego acompañadas da súa respectiva unidade didáctica. Neste curso, dito departamento, por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, en colaboración coa Compañía Radio Televisión de Galicia (CRTVG) e OQOeditora, deu un paso máis na iniciativa co fin de converter ao alumnado non só en receptor de cine en galego, senón tamén en creador. Dentro do novo programa, ofreceuse formación e asesoramento ap profesorado de 50 centros públicos de educación infantil e primaria para elaborar cos seus alumnos, de entre 3 e 9 anos, curtas de animación en galego mediante o emprego da técnica do stop-motion. Recibíronse máis de 60 traballos presentados polo medio centenar de centros de educación infantil e primaria que concorreron ao concurso. Entre todos eles, a comisión seleccionadora outorgou tres premios. Na modalidade de infantil foi galardoada A tartaruga que quería durmir, do CPI As Revoltas de Cabana de Bergantiños; no primeiro ciclo de primaria, Lobo feroz, elaborado por profesorado e alumnado do CPI Santa Lucía de Moraña; e no segundo ciclo de primaria, A máscara do león, do CEIP Felipe de Castro de Noia.

De acordo coas bases do concurso, o profesorado que elaborou estas tres curtametraxes será recoñecido con 20 horas de innovación educativa, e o seu centro recibirá unha pantalla de plasma de alta definición, un lote de libros de OQOeditora e un diploma acreditativo expedido pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística. As tres curtas gañadoras son accesibles dende as webs de dita Secretaría Xeral e da Compañía Radio-Televisión de Galicia. A alta calidade dos traballos recibidos motivou que a comisión de selección decidira outorgar tamén catro mencións ás curtas Maxia, A vella Lulula, Un can e un gato e A máscara do león, elaboradas nos colexios Felipe de Castro, Vilagarcía de Arousa, Ponte da Pedra e San Benito de Lérez, respectivamente. Ademais, a comisión acordou proporlle á CRTVG que emita outras moitas curtas que, a pesar de non resultar premiadas, teñen gran calidade estética, lingüística e técnica. A Televisión de Galicia respondeu positivamente a esta petición, segundo informa a Xunta de Galicia.

 

Categoría: Noticias
Etiquetas: