Este venres, 22 de xuño, celebrarase no Máster en Produción e Xestión Audiovisual (MPXA), título propio da Universidade da Coruña que desenvolve a Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre, unha xornada de pitching na que os alumnos exporán ante profesionais do sector audiovisual os seus proxectos.
Durante a sesión, os alumnos do Máster en Produción e Xestión Audiovisual deberán defender o proxecto individual no que traballaron, asesorados polos seus titores, durante os últimos meses. Para ir definíndoo, os alumnos contaron coa axuda de expertos na área de desenvolvemento de proxectos de diversas empresas, que os guiaron durante todo o proceso. Esta será a segunda vez que os alumnos defendan o seu proxecto durante este curso, xa que no mes de marzo tiveron que enfrontarse a outro tribunal de expertos do audiovisual. Os xuíces do próximo venres 22 de xuño serán destacados profesionais do sector como Manuel Villanueva, director xeral de contidos de Telecinco, Sonia Martínez, directora de ficción de Antena 3, Rosa Vilas, directora de TVG, Pedro Revaldería, director xeral de Producciones Mandarina, e Alejandro Martínez, director xeral de contidos de Digital+.
O tribunal deberá valorar formatos moi diversos: varias longametraxes documentais e de ficción, un concurso, un reality, unha serie documental e outra de animación, un docu-coach, unha docu-serie e un docusoap, entre outros. Na presentación final do venres os alumnos deberán utilizar a técnica de pitching para defender os seus proxectos, tralo cal o tribunal avaliará distintos aspectos de cada proposta e exporá as súas posibilidades reais de desenvolvemento. En anteriores ocasións, os membros do tribunal animaron a algúns dos alumnos a seguir co seu proxecto para a súa futura venta real a cadeas e produtoras. De feito dous dos proxectos presentados o pasado marzo xa se atopan en fase de desenvolvemento.