‘GALICIA CANÍBAL. O MUSICAL’ ESTREARASE O 12 DE XULLO EN VIGO

22 / 06 / 2012

Galicia Caníbal. O Musical, a obra de coreografía e cancións ideada por Antón Reixa, foi presentada  aos medios no Auditorio de Galicia de Santiago de Compostela.

O acto contou coa presenza de Quico Cadaval (director), co elenco do musical, ademais dos libretistas Antela Cid e Fran Peleteiro. Estaban tamén os produtores Antón Reixa (Filmanova Invest), Pepe Cabanas (representando a Estrella Galicia), e Juan Carlos F. Fasero, director de AGADIC (Axencia Galega das Industrias Culturais), coproductora do espectáculo. Acompañaron tamén representantes dos teatros  Novacaixagalicia de Vigo (Centro Cultural), Auditorio de Santiago, Auditorio Municipal de Vilagarcia e Teatro Colón de A Coruña onde se representará o espectáculo nos meses de xullo e agosto.

Reixa comezou o acto destacando que «de non seren por Estrella Galicia, esa cervexa que todos bebiamos  nos 80, este proxecto non tería sido posible». A actriz Teté Delgado animou ao público especialmente aos xoves que vaian desfrutar do musical, a que canten e bailen as cancións do repertorio porque «non hai que ser dos 80 para vivir os 80». O director Quico Cadaval dixo estaren satisfeito polo resultado dos ensaios e do desenvolvemento do musical.

Presentouse a web do musical   www.galiciacanibal.com que  contén un xogo interactivo que xa atrae a moitos seguidores que desexan recordar ou aprender as letras das míticas cancións da movida.  Tamén se anunciou que a centenaria marca, productora e patrocinadora, este verán lanzará  para hostalería, unha edición especial de botellas da súa emblemática cervexa, en honra ao musical.

Galicia Caníbal. O Musical configura unha historia que nos transportará a unha época mítica que catapultou a toda unha xeración de músicos galegos. Sonarán hits como Bailaré sobre tu tumba, (Siniestro Total); Sitio distinto, Sector naval  e a inexcusable Galicia Caníbal (Os Resentidos); Malos tiempos para la lírica e Fiesta de los maniquíes (Golpes Bajos); No me beses en los labios e Soy una punk (Aerolíneas Federales), entre outros. O repertorio segundo aclarou Reixa é froito dunha selección cronolóxica entre o ano 81 e os 90.

A obra  estrearase en Vigo o día 12 de xullo no Centro Cultural Novacaixagalicia, para seguir ruta polas outras cidades galegas antes de chegaren a Madrid o 23 de agosto. En decembro regresará a terras galegas, para despois voltar viaxar a cidades como Barcelona, Zaragoza, Bilbao e Santander.

A venda anticipada de entradas xa está dispoñible, en Galicia a través do teléfono 902 504 500 ou vía online en  www.servinova.es  e  Afundación. En Madrid a través do teléfono 902 400 222,  en www.elcorteingles.es   , en www.entradas.com  e no teléfono 902 488 488.

Calendario Verán 2012:

–      VIGO (12 a 15 de de xullo, Centro Cultural Novacaixagalicia)

–      SANTIAGO (18 a 21 de xullo, Auditorio de Galicia)

–      VILAGARCÍA DE AROUSA (2 a 5 de agosto, Auditorio Municipal)

–      A CORUÑA (9 a 12  de agosto, Teatro Colón)

–      MADRID (previas do 23 ao 31 de agosto) 1 de setembro a 28 de outubro, no  Nuevo Teatro Alcalá

o

Categoría: Noticias
Etiquetas: