COMEZA O BAIXO AS ESTRELA 2012, A PROGRAMACIÓN DE CINE AO AIRE LIBRE PARA AS NOITES DE VERÁN

4 / 07 / 2012

«Unha alternativa cinematográfica para as noites de verán» foi, dende a súa primeira edición, a filosofía do programa Baixo as Estrelas. Catro anos despois, esta intención xa se consolidou dentro da programación cultural do verán, e a cita dos venres na praza de san martiño é xa todo un clásico destas datas. Esta semana, arrinca unha nova edición do Baixo as Estrelas organizado polo Festival de Cine Internacional de Ourense e pola Concellaría de Cultura que, en 2012, ofrecerá unha escolla das mellores curtametraxes que pasaron polo circuíto dos festivais estatais ao longo de 2010 e 2011.

O pequeno formato, posiblemente o máis agradecido polo público ourensán para o cinema ao aire libre, é unha das mellores oportunidades para ver os primeiros pasos dos cineastas máis talentosos do panorama. Xogos de estilo moi particulares para amoldarse á pequena metraxe e tácticas narrativas que tratan de lograr o maior impacto posible no menor espazo de tempo. A escolla da programación de verán, en colaboración con Promofest, vén cargada de historias cotiás con prismas sorprendentes, relacións humanas e, sobre todo, moito humor.

O Baixo as Estrelas terá lugar todos os venres de xullo e de agosto -nove en total, sendo a última delas unha sesión sorpresaás 23:00 horas na praza de San Martiño. A asistenza é de balde.

A primeira sesión será este venres 6 de xullo, cos seguintes títulos:

Manos, de Jon Sagalá (7′)
Rascacielos, de Mariana Torres (14′)
Jaque, de Iker Franco (14′)
Desencuentros, de Oliver Cuervo & Lázaro Muñoz (13′)
Les Rideaux Rouges, de Alain Deymier (34′)

Categoría: Noticias
Etiquetas: