Logo da súa recente premiere Mundial na Sección Oficial do Festival do Film de Locarno, a película Polvo do director guatemalteco Julio Hernández Cordón que produce Tic Tac Producciones, en coprodución con Melindrosa Films (Guatemala), Fabula (Chile) e Autentika Films (Alemaña), foi seleccionada para participar no Contemporary World Cinema (Sección Oficial) do Toronto International Film Festival.
Considerado un dos festivais e mercados máis importantes da industria cinematográfica mundial, o certame que se da cita do 6 ao 16 de setembro, resulta idóneo logo da súa excelente acollida en Locarno.
A empresa alemana M-Appeal acaba de adquirir Polvo para a súa representación internacional e será en Toronto onde a película fará a súa estrea no mercado.
Logo do éxito de 18 Comidas de Jorge Coira e de Tralas Luces de Sandra Sánchez, a empresa coruñesa Tic Tac Producciones levou as rendas da produción de Polvo, unha historia persoal que sucede mentres as súas dúas personaxes protagonistas, Alejandra e Ignacio, levan adiante un documental sobre a Guerra Civil de Guatemala (1960-1996). É a terceira longametraxe de Julio Hernández Cordón, director que conta xa con numerosos galardóns e recoñecementos internacionais polos seus traballos anteriores.
Polvo desenvolveuse na 18th Session Residence of Cinefondation – Cannes Film Festival e en EAVE – Puentes 2010. Participou no Mercado de Coproducción do Miami International Film Festival 2010 e en Cine en Construcción de Guadalajara Construye 5 do Festival Internacional de Cine de Guadalajara 2011. Polvo conta co apoio do Programa Ibermedia, ICAA, World Cinema Fund do Festival de Berlín, o Premio a Desenvolvemento de CNC–Festival International du Film d’Amiens, o Programa Nacional de Resarcimiento (PNR, Guatemala) e o Centro de Capacitación Cinematográfica (México).