SEIS EMPRESAS GALEGAS PARTICIPARÁN EN IBC 2012 COA DELEGACIÓN DO CLAG

5 / 09 / 2012

Unha delegación de empresas, impulsada polo Clúster Audiovisual Galego (CLAG), participará desde mañá, xoves, e ata o vindeiro 11 de setembro no mercado IBC, que terá lugar en Amsterdam. As compañías Arantia 2010, Cinfo, CTV, Gallega de Circuitos Electrónicos , Ingeniería de Sistemas de Funcionamiento e Voz Audiovisual promocionarán os seus produtos e servizos á industria internacional dos medios de comunicación electrónicos.

A asistencia a este mercado está cofinanciada polo Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), a través dun convenio de colaboración co Clúster Audiovisual Galego para elevar o nivel de internacionalización das empresas do sector, vixente dende o ano 2010. O convenio de colaboración entre o IGAPE e o CLAG contempla aínda outras accións para este ano como a asistencia aos mercados Cartoon Forum e MIPCOM.

A súa presenza en IBC permitiralles ás empresas do audiovisual galego crear novas oportunidades de negocio e coñecer de primeira man as tendencias e innovacións no campo dos medios electrónicos.

IBC é unha das citas máis importantes no almanaque para a industria mundial dos medios audiovisuais. Neste 2012 prevese que participen na principal conferencia e exposición anual dos medios electrónicos máis de 50.000 profesionais que traballan na creación, xestión e prestación dos medios de comunicación electrónicos e de contido de entretemento en todo o mundo.

Categoría: Noticias
Etiquetas: