Tras un ano de parón, a Mostra de Curtas «Vila de Noia», que organiza o Concello da localidade coruñesa a través da Concellería de Cultura e Festexos, celebrará a súa 13ª edición do 28 de novembro ao 2 de decembro. O prazo de inscrición de obras está aberto ata o 9 de novembro.
A XIII Mostra de Curtas «Vila de Noia» conta con dúas categorías principais, para traballos en 35 mm e en vídeo. Poden participar todos os autores que o desexen, profesionais ou amateurs, con curtametraxes de tema e xénero libre, de menos de 25 minutos de duración (incluíndo títulos de crédito) e que sexan realizados con posterioridade ao 1 de xaneiro de 2011. Non se admitirán traballos de carácter turístico ou publicitario, e as pezas deberán estar en galego ou castelán, ou subtituladas a algunha desas linguas. Cada autor poderá concorrer cun máximo de tres obras. A inscrición formalizarase remitindo, antes da data indicada, unha copia en DVD da curta (na que aparezan o título da obra, a súa duración, o nome do autor e unha pequena biografía artística), xunto á ficha de inscrición debidamente cumprimentada, a: Mostra de Curtas «Vila de Noia». c/ Rosalía de Castro, 2. 15200 Noia (A Coruña). A ficha de inscrición tamén ten que enviarse ao e-mail culturaconcellodenoia@gmail.com. Entre todos os traballos recibidos farase unha selección para elixir os que se exhibirán durante a Mostra.
Un xurado integrado por representantes do mundo audiovisual, membros da organización e un traballador do Concello de Noia outorgará senllos premios á mellor curtametraxe en 35 mm (dotado con 3.000 euros) e á mellor curta en vídeo (dotado con 500 euros). Ademais, na primeira desas categorías concederanse senllos premios á mellor dirección (dotado con 600 euros), e ao mellor guión, actor e actriz (dotados con 300 euros). O xurado tamén entregará senllos galardóns especiais, comúns ás dúas categorías, á mellor curta de animación (dotado con 1.000 euros) e á mellor curta comarcal (dotado con 300 euros). O palmarés completarase cun premio do público, dotado con 300 euros. Todos os galardóns inclúen un trofeo conmemorativo. As bases están na web http://mostracurtasnoia.wordpress.com.