A curtametraxe irlandesa Tufty, de Jason e Brendan Butler, foi a gañadora do Percebe Mutante, o trofeo deseñado polo escultor galego Nando Groeiro para o concurso de curtametraxes de xénero fantástico ou de terror do IV Festival Freakemacine, que se celebrou do 24 ao 30 de setembro na Coruña.
Competían no certame unha decena de curtas. O público asistente á súa proxección, que tivo lugar o 28 de setembro na sé do CGAI da Coruña, foi o encargado de elixir ó gañador, mediante votación. Decantouse por este traballo irlandés que revela a auténtica procedencia dos tenros e entrañables osiños de peluche. En segundo lugar nas votacións quedou O grifo, de Denis Rovira, e o terceiro foi para A granja, de Ignacio Lasierra.