O seminario Surrealismo e cinema experimental desenvólvese arredor da mostra Eugenio Granel le o cine: unha película de vinte minutos, que se centra na produción fílmica do artista e completa un percorrido expositivo trazado na cidade de Santiago de Compostela con motivo do centenario do seu nacemento, ofrecendo unha visión poliédrica dun dos creadores e intelectuais máis completos da escena plástica da segunda metade do século vinte.
Son moitos os pintores que, como Granell, mantiveron unha estreita relación co celuloide, sobre todo no ámbito experimental, tanto é así que a maioría dos innovadores das vangardas históricas procedían do campo da pintura: Man Ray, Viking Eggeling, Walter Ruttmann, Marcel Duchamp, Fernande Léger, Jean Cocteau…, case todos pertencentes aos movementos dadaísta e surrealista.
Non é de estrañar que un creador, cuxa traxectoria vital influíu tan directamente na súa produción, se sinta atraído e engaiolado pola súa imaxe. Sen dúbida o contorno, non só entendido como o conxunto dos lugares que habitamos, senón tamén como unha situación global que supón unha época de grandes fracturas no ámbito do pensamento e da creación, favorece a disolución dos límites interdisciplinares.
As fontes para entender o traballo cinematográfico de Granell atopámolas nuns escritos que paulatinamente estudan referentes e contextos en relación inevitable con outras propostas do artista, especialmente coa pintura e a literatura. Neste sentido, os textos xornalísticos e de investigación documentados xa nos corenta, deixan patente o interese de Granell pola indagación no campo do cinema e constitúen un compendio de pensamento relacionado directamente co xerme da creación do seu traballo fílmico.
Este seminario explora o terreo do cinema experimental e surrealista, tomando a produción granelliana como pretexto para analizar o contexto galego, español e internacional a partir da aparición dos devanditos materiais.