A Academia Galega do Audiovisual aínda ten aberto o prazo de inscrición no X Foro Academia Aberta “A expresión plástica no cine. Félix Murcia”, que se celebrará os vindeiros 25 e 26 de outubro na Facultade de Ciencias da Comunicación de Coruña. Os profesionais, estudantes e demais persoas interesadas nestas xornadas teñen de prazo para inscribirse ata o 23 de outubro.
Nestas dúas sesións traballarase da man do gañador de 5 Goya á Dirección Artística Félix Murcia, que formou parte de filmes como “Carmen” de Carlos Saura, “Mujeres al borde de un ataque de nervios” de Pedro Almodóvar”, “Secretos del corazón” de Montxo Armendáriz, “El perro del hortelano” de Pilar Miró e “El caballero Don Quijote” de Manuel Gutiérrez Aragón, entre outras moitas.
Félix Murcia afondará nos elementos e profesionais que forman parte do departamento de dirección artística, falará do procedemento a seguir para elaborar un proxecto de dirección artística, dos criterios plásticos e o aspecto visual das películas, así como da ambientación e construción de decorados.
Os interesados en participar no Foro Academia Aberta “A expresión plástica no cine. Félix Murcia” atoparán toda a información sobre esta xornada no arquivo adxunto xunto co CV de Félix e o formulario de inscrición, que deberán remitir cuberto ata o día 23 de outubro. As prazas seo limitadas para garantir a calidade da masterclass.