Tras unha semana de proxeccións exhibidas no Teatro Principal e o Hotel Eurostars Araguaney, en sesións diarias de mañá e tarde, podemos dicir que a décima edición do Festival Amal foi un éxito. Con 31 películas en selección oficial, 6 membros do xurado, decenas de directores invitados, xornalistas acreditados e 7.000 asistentes, a organización móstrase satisfeita pola participación do público, tanto nas proxeccións como nas actividades paralelas organizadas ao redor da música, a gastronomía ou a danza árabes. Participación á que habería que engadir o gran número de persoas que seguiron ao festival desde outros puntos de Galicia, coas mostras de cine organizadas en museos de A Coruña, Lugo, Ourense e Vigo.
Reunidos en Santiago de Compostela os membros do xurado da X edición do Festival Internacional de Cine Euroárabe Amal, composto por Dna. Sanâa Alaoui, Presidenta do xurado, D. Tahar Houchi, Dna. Maria Mera, D. Afonso Pato, D. Khaled El Haggar e D. Jesús Núñez Villaverde, así como Coralie Yap Chine, Coordinadora do Festival, presente pero sen voto, o xurado decidiu outorgar os seguintes premios:
1. Mellor longametraxe de ficción: 5.000 euros e trofeo a “Rabat”, de Jim Taihuttu e Victor Ponten, Países Baixos (2011)
2. Mellor longametraxe documental: 3.500 euros e trofeo a “Le thé ou l`electricite”, de Jerome Le Maire, Bélxica/Marrocos (2012)
3. Mellor curtametraxe de ficción: 1.200 euros e trofeo a “Ensemble”, de Mohamed Fekrane, Francia (2011)
4. Mellor curtametraxe documental: 1.200 euros e trofeo a “Eid”, de Saaheb Collective, Palestina (2011)
5. Mellor director: 4.000 euros e trofeo a Jim Taihuttu e Victor Ponten, de “Rabat”, Países Baixos (2011)
6. Mellor actriz: Trofeo a Soufia Issami, pola súa interpretación en “Sur la planche”, de Leila Kilani, Marrocos/Francia (2011)
7. Mellor actor: Trofeo a Nasrdin Dchar, Achmed Akkabi e Marwan Kenzari de “Rabat”, Países Baixos (2011)
8. Premio Amal Express de 500 euros e trofeo a “El juego de la corrupción”, de Ramón Herrera e Álvaro Menéndez
9. Premio da TVG de 3.000 euros, 3 pases da película na cadena e trofeo a longa de ficción “Sur la planche” de Leila Kilani, Marruecos/Francia (2011)
10. Premio del público de 1.500 euros e trofeo a “Sherezade et le dèlice casher” de Agnès Caffin, Francia (2010)