O APÓSTOLO VENCE NO FESTIVAL EXPOTOONS 2012 ARXENTINO

29 / 10 / 2012

A película O apóstolo foi a triunfadora en Expotoons 2012, o VIN Festival Internacional de Animación, que se celebrou en Bos Aires, a capital arxentina, do 23 ao 25 de outubro. Na categoría de series, recibiu unha mención especial outra produción nacional: Zoobabu, de BRB Internacional.

O apóstolo, a ópera prima de Fernando Cortizo, producida pola empresa galega Artefacto Producións, foi a principal triunfadora de Expotoons 2012, un dos máis prestixiosos festivais internacionais de animación de Latinoamérica, que celebrou a súa sexta edición do 23 ao 25 de outubro en Bos Aires. A que foi primeira película de animación en stop-motion estereoscópica realizada en Europa, en cuxa elaboración participaron, durante cinco anos, máis de 200 profesionais chegados a Galicia de todo o mundo, obtivo o primeiro premio na categoría de longametraxes no certame arxentino. O filme, que narra unha escura historia de misterio ambientada no Camiño de Santiago durante o medievo, e no que se mesturan o suspense, o humor e a fantasía, conta coa participación de Jorge Sanz, Geraldine Chaplin, Paul Naschy, Carlos Branco, Xosé Manuel Olveira «Pico», Luís Tosar, Manuel Manquiña, Celso Bugallo, Isabel Branco e Pedro Alonso, que non só cederon a súa voz aos personaxes, senón que interpretaron previamente as escenas para inspirar cos seus movementos e expresións reais aos animadores. Esta técnica non se aplicou antes en animación en stop motion. O triunfo no Festival Expotoons é unha boa noticia para este título, que se estreará nos cines españois o próximo 31 de outubro.

Pola súa banda, na categoría de series de televisión, obtivo unha mención especial a española dirixida ao público preescolar Zoobabu, coproducida por Screen 21, Televisió de Catalunya e Image-in e distribuída por BRB Internacional, na que os máis pequenos teñen que ir descubrindo, pista a pista, de forma interactiva, as claves que lles permitirán adiviñar ao animal encerrado nunha simpática caixa. A serie, que consta de 104 episodios de 2 minutos de duración protagonizados por 104 animais diferentes, acaba de ser adquirida en Latinoamérica pola canle Discovery Kids, e estrearase en aberto en España na Canle Clan de TVE o próximo 12 de novembro. Zoobabu foi presentada oficialmente no MIP JR 2010, en Cannes, onde obtivo a nomeación ao premio Kids’ Jury en series dirixidas a un público de entre 3 e 6 anos. Volvendo ao palmarés de Expotoons 2012, en series de TV o primeiro premio foi para a estoniana As manchas verdes de Miriam; en producións publicitarias, para a arxentina Temaikén. Pavo; en curtametraxes para o belga Oh Willy…, de Emma De Swaef e Marc James Roels; e en curtos de graduación, para o suizo Bon Voyage, de Fabio Friedli.

 

Categoría: Noticias
Etiquetas: