O CGAI PROGRAMA UN CICLO ADICADO A JOAO CANIJO

26 / 11 / 2012

O Centro Galego de Artes da Imaxe comeza mañá martes día 27 de novembro o ciclo dedicado ao cineasta portugués Joâo Canijo coa proxección de Sapatos Pretos (1998). O xoves o propio director presentará o filme Sangue do meu sangue (2011). O ciclo, en colaboración con Cineuropa, fai unha escolma dos seus traballos.     JOÃO CANIJO

En colaboración con Cineuropa.

João Canijo (Lisboa, 1958) explica sempre que pode que toda a súa obra tenta ser un reflexo da realidade social do Portugal do seu tempo sen necesidade de ter que amosar todo aquilo que marca e condiciona o lugar. Referíndose en ocasións ao seu último filme, Sangue do meu sangue (2011), premio FIPRESCI en San Sebastián, Canijo escolle momentos dos seus personaxes e do tempo en que viven, porque “para dar fe dunha realidade concreta non é necesario ensinar todo para que algo fique”. Así funciona a particular idiosincrasia deste realizador, formado como asistente de dirección e director de produción en títulos de Manoel de Oliveira (A caixa; O convento) ou Wim Wenders (El estado de las cosas) e Werner Schroeter (Der Rosenkönig) rodados en terras portuguesas. A súa primeira película, Três menos eu, bosquexa algúns dos aspectos fundamentais da súa posterior filmografía. No ámbito temático centra a atención nos diversos membros dunha mesma familia: vidas desmembradas unidas por un estilo cinematográfico que apela indistintamente á modernidade como ao clasicismo do melodrama e o folletín. En Sapatos pretos (1998) explora as diferenzas entre o campo e a cidade a partir dunha historia de vernices criminais baseada en feitos reais. Pola contra, as súas dúas películas seguintes describen con aberto ton naturalista os arrabaldes urbanos: con Ganhar a vida (2001), ambientada nos barrios baixos de París, volve ao núcleo familiar para amosar outra relación nai/fillo, e en Noite escura (2004) analiza os negocios da prostitución e as mafias rusas. Ambos e dous filmes teñen como coguionista a Pierre Hodgson, colaborador de Philippe Grandrieux en Sombre. Mal nascida e Sangue do meu sangue inciden na mesma liña, co melodrama como continente e a familia como contido. No terreo documental, Canijo realiza dous interesantes filmes. Fantasia lusitana é un traballo con material de arquivo que retrata un Portugal contraditorio durante a Segunda Guerra Mundial. Trabalho de actriz, trabalho de actor (2011) resulta algo máis que un complemento de Sangue do meu sangue, en absoluto un making off desta peza, senón un ensaio didáctico que permite ver como Canijo e os seus actores elaboran conxuntamente as características esenciais dos personaxes e da trama.
Martes 27 de novembro (18.00 e 20.30 horas)
SAPATOS PRETOS     
(Portugal, 1998)
Dirección e guión: João Canijo. Produción: Paulo Branco para Madragoa Filmes e RTP. Fotografía: Mário Castanheira. Intérpretes: Ana Bustorff, Joâo Reis. Duración: 97 minutos.  
Dalila, logo de facer unha revisión médica, decide mudar de imaxe. Corta o cabelo e merca un vestido cinguido. Cadno regresa á casa, os homes da zona comezan a mirala e a se achegaren a ela. Isto provoca un conflito entre cada un deles e o seu home, un reloxeiro que pasa o día no negocio que ambos posúen nunha pequena localidade. A culpa dunha historia de celos, traizóns e asasinatos ao redor dos amores furtivos e incómodos tena Lisboa. Canijo deixa atrás a urbe definitivamente. A estratexia é intelixente: presenta Lisboa como unha sombra incómoda, un fóra de campo que marca e reconfigura o destino do lugar onde enclava a súa narrativa. A capital branca e brillante queda só na memoria, Canijo fala doutra cidade, un lugar escuro e perigoso.

Mércores 28 de novembro (18.00 horas)
TRABALHO DE ACTRIZ, TRABALHO DE ACTOR     
(Portugal, 2011)
Dirección: João Canijo. Produción: Pedro Borges para Midas Filmes. Fotografía: João Canijo, Patrick Mendes, Mário Castanheira e Mayanna von Ledebur. Intérpretes: Rita Blanco, Anabela Moreira. Duración: 84 minutos.  
Entre setembro de 2008 e abril de 2010, Rita Blanco, Anabela Moreira, Vera Barreto, Cleia Almeida, Rafael Morais, Marcello Urgeghe, Beatriz Batarda, Nuno Lopes, Teresa Madruga, Wilma de Brito e João Canijo –elenco e director de Sangue do meu sangue– traballaron xuntos na creación dos personaxes, a historia e o guión do que un día se convertería na nova película de Canijo. As longas xornadas de debate, discusión, ensaios, os diálogos inventados, anotados, borrados, reescritos: todo está aquí, incluídas, na súa forma final, tres das escenas principais de Sangue do meu sangue. O rexistro minucioso de métodos e procesos creativos permite iluminar en dúas direccións a comprensión da película: o traballo dos intérpretes e o do cineasta mesmo.  

Xoves 29 de novembro (20.00 horas) (¡!)
SANGUE DO MEU SANGUE    
(Portugal, 2011)
Dirección e guión: João Canijo. Produción: Pedro Borges para Midas Filmes. Fotografía: Mário Castanheira. Intérpretes: Rita Blanco, Anabela Moreira. Duración: 191 minutos.  
Un documental, unha versión para televisión de tres episodios, unha versión fílmica (máis breve: 140 minutos); con Sangue do meu sangue Canijo crea un mundo enteiro. Un microcosmos familiar cheo de singularidades: unha muller que sostén a súa familia; unha filla comprometida en matrimonio que se namora dun home máis vello; un fillo pequeno sometido ás drogas. Unha sucesión de feitos cotiáns e de aparencia melodramática que Canijo sabe resolver. Embarazos non desexados, relacións case incestuosas, fillos ilexítimos, infidelidades, amores non correspondidos. Canijo presenta a superación da telenovela, o culebrón ou a soap opera por medio da súa destreza formal, mestre do fóra do campo, dono dunha cámara áxil, móbil, capaz de corresponder ao axitado da trama.    

Venres 30 de novembro (18.00 e 20.30 horas)
GANHAR A VIDA    
(Portugal-Francia, 2001)
Dirección: João Canijo. Guión: João Canijo e Céline Pouillon. Produción: Paulo Branco para Madragoa Filmes, Gémini Films, ICAM, RTP e La Sept-Arte. Fotografía: Mário Castanheira. Intérpretes: Rita Blanco, Adriano Luz, Teresa Madruga. Duración: 115 minutos.  
A historia dunha comunidade de portugueses en Francia. Cidália perde o seu fillo máis vello nun incidente violento. Incapaz de asimilalo, decide reclamar xustiza encabezando unha marcha de mulleres á comisaría, pero alí descobre que a bala que matou ao seu fillo non foi disparada pola policía. A protesta, televisada, atrae a atención sobre unha comunidade que non desexa expoñerse publicamente polo que, como Antígona, Cidália desafía en simultaneo a lei do silencio da súa comunidade e a lei a secas. Tal e como lembra o crítico Augusto M. Seabra este é o filme co que Canijo comezou a se definir como un director especificamente portugués, un sinal de identidade arraigado en toda a súa produción, unha inxente observación da realidade lusa.  

Martes 4 de decembro (18.00 e 20.30 horas)
NOITE ESCURA    
(Portugal, 2004)
Dirección: João Canijo. Guión: Pierre Hodgson, Mayanna von Ledebur e Joâo Canijo. Produción: Paulo Branco para Madragoa Filmes e Gémini Films. Fotografía: Mário Castanheira. Intérpretes: Rita Blanco, Beatriz Batarda. Duración: 94 minutos.  
Despois da súa experiencia francesa en Ganhar a vida, João Canijo regresa ao Portugal profundo. O clásico de Eurípides, Ifigenia en Áulide, é trasladado a unha “casa de alterne”, unha mestura de cabaret e prostíbulo. O dono do estabelecemento, o home da propietaria, vese forzado a saldar unha débeda coa mafia rusa –organización que no filme non só trafica con mozas do leste en Portugal, senón que tamén exporta mulleres portuguesas a España– e entrega a súa filla menor á escravitude e á prostitución. Sen denuncia nin lastre moral, Canijo crea unha atmosfera de ignorancia e sordidez como resposta imaxinativa á traxedia clásica, un limbo que anestesia os protagonistas contra a brutalidade e o horror. Unha catarse final engade complexidade ao asunto.

Categoría: Noticias
Etiquetas: