A película Copito de Nieve continúa a súa andadura internacional. En próximos meses estrearase en cines de Italia, Alemaña, República Checa, Eslovaquia e México, e en DVD en moitos outros mercados. Ademais, estará presente nalgún festival.
Copito de Nieve é unha película familiar producida por Filmax que narra as aventuras do famoso gorila albino que viviu no Zoo de Barcelona. Dirixida por Andrés G. Schaer, mestura animación con imaxe real e está interpretada por Pere Ponce e Elsa Pataky, entre outros. Manel Fontes e Constantino Romeu puxeron a súa voz a algúns dos personaxes animados. Aínda que en España coseitou un resultado modesto (recadou 1,4 millóns de euros e foi visto por 224.000 espectadores), o filme está tendo un interesante percorrido internacional. O caso máis relevante é o de Polonia, onde permaneceu varias semanas no primeiro posto da taquilla e onde o número de espectadores superou ata a cifra española (máis de 288.000), cunha recadación de 1,1 millóns de euros.
En próximos meses, Copito de Nieve chegará a outros países. Así, o próximo 3 de xaneiro estrearase en Italia, e unha semana despois, o 10 de xaneiro, chegará aos cines da República Checa e Eslovaquia. México e Alemaña tamén estrearán a película en salas, a principios de 2013, no primeiro caso, e a finais do próximo ano, no segundo. En Estados Unidos, Sudáfrica, Francia, Reino Unido, Australia, Croacia, Bélxica, Luxemburgo e Rumanía, a cinta infantil estrearase en DVD. Ademais, a obra participará dentro da sección infantil do Courmayeur Noir in Festival, que se celebra do 10 ao 16 de decembro nesa poboación do Val d’Aosta (Italia), tras pasar por certames como os de Xixón, o de animación de Stuttgart ou o Youth Filme Festival of Flanders, entre outros.