O LAV013, Laboratorio Audiovisual de Vedra, organizado pola Asociación Senunpeso, completa o seu programa de actividades desta edición coa xornada “Mecado RevoLAV”. Terá lugar o sábado 23 de febreiro de 16:30h. a 21:00h. no Centro Social da Terceira Idade de Vedra e inclúe un mercado de troco e compra-venda de material audiovisual (aparellos, tecnoloxía, DVDs, VHS, libros, vestiario, atrezzo…), varias charlas informativas para superar dun xeito alternativo a crise a nivel doméstico, teatro, monólogos e actuacións musicais. É a primeira vez que se leva a cabo esta iniciativa, co obxectivo de intercambiar materiais e coñecementos prácticos para o cambio social dende o eido audiovisual.
Así mesmo, a fin de semana anterior, ao remate das sesións de formación desenvolverase a Mostra Audiovisual LAV013, tamén no Centro Social da Terceira Idade de Vedra. O sábado 16 de febreiro proxectaranse as pezas “A Wonderful Mission”, de Fernando Lema e Pallasos en Rebeldía; “Nebra”, de Marisa Otero; e “Dez centímetros máis perto do ceo”, de Raquel Rey. O domingo 17, trala entrega de diplomas, presentarase e proxectarase a curta “Unhas clases do social a tempo”, de Pablo Cacheda. Todos estes traballos contan nos seus equipos con ex alumnos do LAV.
O prazo para inscribirse nos curso de formación rematan este venres día 1 de febreiro. A matrícula formalízase on line a través da páxina web da asociación: www.senunpeso.org .
Mercado RevoLAV
A xornada RevoLAV xira en torno a un mercado no que intercambiar, mercar e vender produtos de segunda man máis ou menos relacionados co audiovisual: aparellos tecnolóxicos (cámaras de vídeo e de foto, reprodutores de vídeo ou de audio, ordenadores, pantallas, adaptadores, cables, complementos…), DVDs, cintas VHS, Cds, vinilos e casettes, roupa susceptible de usarse en pelis, atrezzo… e todo o que se poida imaxinar. As persoas interesadas en ter un espazo para ofrecer as súas cousas poden poñerse en contacto coa Asociación Senunpeso a través do mail moises@nocomun.com. Por suposto, a participación é de balde!
Ao longo da tarde diferentes actividades ambientarán o mercado. Paulo Rubido impartirá a charla “Enerxía senunpeso”, para explicarnos como aforrar no subministro eléctrico na casa. Os membros da comunidade O Zulo, promotores de software e cultura libre, falarán de alternativas abertas á rede internet e das curiosidades da rede sen fíos, nunca intervención titulada “Redes libres: internet senunpeso”. César Lema, físico e mestre de secundaria do Instituto Xelmírez I, ofrecerá unha charla pensada para os tempos en que vivimos sobre o aforro enerxético no fogar.
No apartado teatral contamos con “Casting”, unha microcomedia con macrointriga de Simón Negrín, coa súa tese particular sobre a fin do mundo. Ademais, gozaremos cos monólogos do actor Avelino González, que se inspira nos contos do día a día de calquera de nós; e do coñecido escritor, dramaturgo e artista compostelán Carlos Santiago, que desentraña os enigmas máis candentes da actualidade con ironía e humor. E no apartado musical soarán o jazz de Malasombra e os sons máis tradicionais da Requinta da Laxeira, un grupo local dedicado á recuperación da requinta, un instrumento característico da zona da Ulla.
O programa de actividades queda distribuído do seguinte xeito:
17:00h. Charla. Paulo Rubido: “Enerxía senunpeso”
17:30h. Música. Malasombra (jazz)
18:00h. Charla. O Zulo: “Redes libres: internet senunpeso”
18:30h. Teatro. Simone Negrín: Casting (microcomedia con macrointriga)
19:00h. Charla. César Lema: “Calorias, vatios, e outras formas de gastar os cartos”
19:30h. Monólogo. Avelino González
20:00h. Monólogo. Carlos Santiago
20:30h. Música. A Requinta da Laxeira
Mostra Audiovisual
A curta documental “A Wonderful Mission”, de Fernando Lema e Pallasos en Rebeldía, recolle a viaxe que realizaron en setembro do 2011 un grupo de máis de 40 artistas de todo o mundo, foron a Palestina para realizar o 1º Festival Internacional de Circo en Palestina: o Festiclown. Durante quince días visitaron as cidades de Nablus, Jerusalem e Ramalah. Visitando campos de refuxiados, escolas, hospitais, «check points» e teatros para levar unha sopro de esperanza. A misión foi cumprida.
“Nebra” é unha curtametraxe de Marisa Otero. Nela, a historia social da pequena parroquia de Nebra e a historia persoal dunha mestra rural mestúranse no desgarrador relato que a vella Benita reconstrúe a través dos seus recordos. Como testemuña da traxedia de 1916, ela representa a ponte entre a revolta social doutro tempo e as consecuencias que conlevou.
A curtametraxe documental “Dez centímetros máis perto do ceo” de Raquel Rey céntrase nun dos os elementos que maioritariamente se identifican coas mulleres na nosa sociedade occidental: os zapatos de tacón. Aínda que non podamos entrevistalos, que pasaría se se convertesen no motivo principal dun documental? “Dez centímetros mais perto do ceo” preséntase como un filme reflexivo de quen olla para uns zapatos de tacón e ve unha oportunidade para falar sobre a construción de xénero.
O programa da mostra audiovisual queda do seguinte xeito:
Sábado 16 de febreiro
20:15h / Centro Social da Terceira Idade de Vedra
Presentación e proxección de:
“A Wonderful Mission”, de Fernando Lema e Pallasos en Rebeldía
“Nebra”, de Marisa Otero
“Dez centímetros máis perto do ceo”, de Raquel Rei
Domingo 17 de febreiro
18:15h / Centro Social da Terceira Idade de Vedra
Entrega de diplomas das xornadas de formación
Presentación e proxección de: “Unhas clases do social a tempo”, de Pablo Cacheda
Última semana para matricularse nos cursos de formación
O LAV013 inclúe dez obradoiros de formación audiovisual: vídeo de combate, loita escénica, o intérprete ante a cámara, documental web, podcast e radio en Internet, videoclips, son en producións audiovisuais, dirección artística low cost, animación stop motion e obradoiro para alumnado da ESO. Todos eles realizaranse na fin de semana do 16 e 17 de febreiro, cunha duración total de 14 horas e 15 prazas por curso. Neste momento están esgotadas as prazas nos cursos de documental web e dirección artística low cost.
Para os restantes o prazo de matrícula remata o 1 de febreiro e pode formalizarse a través da páxina web da asociación: www.senunpeso.org
O programa completo de obradoiros é o seguinte:
• vídeo de combate, por María Lobo e Roi Guitián
• loita escénica, por Pablo Sánchez
• o intérprete ante a cámara, por Francisco Olmo
• documental web, por María Yáñez
• podcast e radio en Internet, por Uxío Broullón
• dirección artística low cost, por Javi Camino
• animación stop motion, por Virginia Curiá e Tomás Conde (Algarabía Animación)
• videoclips, por Juan Lesta e Belén Montero (Esferobite)
• son en producións audiovisuais, por Daniel López (Mandeo Records)
• obradoiro para alumnado da ESO, por Luki Mathews (de balde).
Na súa sexta edición, o LAV é xa un referente na formación audiovisual non regrada en Galicia, ofrecendo un programa moi completo que ten por obxectivo fomentar a creatividade entre afeccionados e profesionais e promover o uso social das ferramentas audiovisuais. En Senunpeso entendemos o audiovisual coma un traballo ou unha afección colaborativa, onde todas as partes son importantes. Aproveitando e compartindo os coñecementos, a creatividade e os materiais pódense facer grandes produtos audiovisuais sen necesidade de contar con grandes orzamentos.
Máis información en: www.senunpeso.org