O Centro Galego de Artes da Imaxe comeza mañá venres día 1 de febreiro coa proxección de Suzaki Paradise: red light (1956) de Yuzo Kawashima, o ciclo dedicado á produtora xaponesa Nikkatsu con motivo do seu centenario. Presentamos unha escolma de once títulos representativos comisariada por Isaac Monclús e Amaia Torrecilla. NIKKATSU, CEN ANOS
En colaboración coa Filmoteca de Catalunya, Filmoteca Española e Japan Foundation.
“Fundada en 1912, e aínda en activo, Nikkatsu é a produtora xaponesa máis antiga. Revisarmos a súa evolución permite constatarmos a habelencia coa que se adaptou ás transformacións da sociedade e á evolución do gusto do público sen renunciar por iso a selo da autoría. Do chamado cine de xuventude ao drama social, do cine de época ao de yakuzas, da Nova onda ao Roman porno, esta retrospectiva, centrada na súa produción de posguerra, é unha oportunidade para nos internarmos nalgúns dos mellores autores e títulos do cine xaponés, sen perdermos de vista un panorama complexo, case en voo rasante, da sociedade xaponesa.
Tras a guerra mundial, Nikkatsu ha reiniciar as súas actividades na produción en 1954. Anúnciase entón unha nova idade de ouro da industria cinematográfica xaponesa. Nikkatsu tomará nota da renovación dun público á procura de maior independencia. É o momento da chamada Xeración do Sol (taiyozoku) e do descubrimento dunha liberdade nova para numerosos cineastas.
Un dos seus títulos fundacionais será Crazed Fruit (1956) de Ko Nakahira, un polémico retrato da mocidade de posguerra –inconformista, desleixada, sensual– salvaxemente criticado no seu momento e que conectou cun público ansioso de autoafirmación xeracional. Moito máis desencantado e claustrófobo, o seu contrapunto chegará das mans de Koreyoshi Kurahara e The Warped Ones (1960), un lle dar voltas ao cine de xuventude, e que foi definida como o À bout de souffle do cine xaponés.
Os cincuenta son tamén os anos de Yuzo Kawashima, un realizador tan fundamental como pouco coñecido en Occidente, o elo perdido do cine xaponés cara á modernidade. Súas son Suzaki Paradise: Red Light (1956), un melodrama de extraordinaria sutileza sobre unha parella que atopa refuxio no distrito vermello de Tokyo, e Sun in the Last Days of the Shogunate (1957), unha comedia de época ambientada pouco antes da restauración Meji, coa que Xapón daba carpetazo á época feudal, recentemente considerada unha das cinco mellores películas do cine xaponés, sobre as peripecias dun samurai atrapado nun bordel ata saldar as súas débedas.
O cine de acción será outro dos piares de Nikkatsu, xénero que levará consigo uns insólitos niveis de estilización, ao consolidar ademais un carismático star system (Joe Shishido, Yujiro Ishihara…), ao codificar o lado escuro do milagre económico do Xapón de posguerra e ao redefinir a semántica do cine negro grazas a unha combinación irrepetible do noir norteamericano, a elegancia da nouvelle vague e mais un tipo de actitude inexistente noutras incursións locais no xénero, como, por exemplo, as de Akira Kurosawa da década anterior. A Colt is My Passport (1967), de Takashi Nomura, ha ser un dos seus títulos máis emblemáticos.
Nos sesenta, Nikkatsu producirá algúns dos grandes nomes da Nova onda xaponesa, como Shohei Imamura, autor de Pigs and Battleships (1961), unha provocadora comedia de corte neorrealista e fino sentido do humor sobre as miserias do Xapón baixo a ocupación, ambientada nun porto de pracer para a flota norteamericana, e a turbia e intrigante Intentions of Murder (1964), sobre unha muller que é asaltada na súa casa: unha incisiva denuncia do modelo xaponés de masculinidade. Outros directores emerxen daquela, como Yasunaru Hasebe, autor de Stray Cat Rock: Sex Hunter (1970), un festín visual de estética dos setenta e cunha explosiva subtrama racial, protagonizado pola actriz de culto Meiko Kaji.
Cos anos setenta chega o Roman porno, un xénero irrepetible, mestura de erotismo, exploitation e refinamento visual, grazas ao cal Nikkatsu se salvou literalmente da creba. Na relación entre a gueixa de The World of Geisha (1973) de Katsumi Kumashiro, e o cliente do que namora, Truffaut barruntou «o espírito de xenerosidade de Jean Renoir». The Oldest Profession, aka Confidential Report: Sex Market (1974) de Noburo Tanaka é unha rara mestura de cine de autor e pinku eiga, rodada en branco e negro, cámara en man, é dunha perturbadora sensualidade, que inclúe cameos da bailarina e activista feminista Genshu Hanayagi.
A permanente redefinición da idea de xuventude, dos anos cincuenta en adiante; unha galería de soberbios retratos femininos, que falan do lugar e do papel da muller na sociedade xaponesa; o impacto e o longo ronsel da ocupación norteamericana, un motivo ambivalente, fonte de fascinación e de rexeitamento á vez; o yakuza como antihéroe, do anarconihilismo á súa glorificación como icona pop, e unha querenza particular polos personaxes marxinais, rebeldes e inadaptados, probablemente o sinal de identidade máis acusado de Nikkatsu, son os fíos condutores deste ciclo, verdadeira idade de ouro do cinema xaponés”
Isaac Monclús
Venres 1 de febreiro
SUZAKI PARADISE: RED LIGHT / SUZAKI PARADISE: AKA SHINGO
(Xapón, 1956)
Dirección: Yuzo Kawashima. Guión: Toshirô Ide e Nobuyoshi Terada, sobre unha historia orixinal de Yoshiko Shibaki. Produción: Nikkatsu Corporation. Fotografía: Kuratarô Takamura. Intérpretes: Tatsuya Mihashi, Michiyo Aratama. Duración: 81 minutos.
Melodrama de extraordinaria sutileza sobre unha parella que atopa refuxio no distrito vermello de Tokio con dirección a cargo de Yuzo Kawashima, autor de Sun in the Last Days of the Shogunate (1957) outro máis dos once filmes do ciclo. A historia de Yoshigi e Tsutue resulta o filme favorito de Kawashima e conta cun axudante de luxo, Shohei Imamura, logo á súa vez hábil retratista ou caracterizador de personaxes.
Martes 5 de febreiro
THE WARPED ONES / KYONETSU NO KISETSU
(Xapón, 1960)
Dirección: Koreyoshi Kurahara. Guión: Nobuo Yamada. Produción: Nikkatsu Corporation. Fotografía: Yoshio Mamiya. Intérpretes: Tamio Kawaji, Eiji Gô. Duración: 76 minutos.
A carraxe, a rebeldía e a ira de toda unha xuventude a través da historia dun mozo delincuente e un xornalista que tenta axudarlle nun ambiente de gangsterismo e de sexualidade a flor de pel. Un relato extremadamente desencantado e claustrófobo, un xiro ao cine de mocidade tradicional considerada o À bout de souffle xaponés, que conmocionou o cine dos 60 en Xapón.
Xoves 7 de febreiro
A COLT IS MY PASSPORT / KORUTO WA ORE NO PASUPOTO
(Xapón, 1967)
Dirección: Takashi Nomura. Guión: Shuichi Nagahara e Nobuo Yamada. Produción: Nikkatsu Corporation. Fotografía: Shigeyoshi Mine. Intérpretes: Joe Shishido, Chitose Kobayashi. Duración: 84 minutos.
Unha das especialidades de Nikkatsu, o cine de acción adecuadamente estilizado, ten como emblema este tríler apaixonante e mítico. Un asasino que debe eliminar un xefe rival e unha camareira abandonada por un antigo amor conflúen nun filme cheo de achados formais, sublime posta en escena, singular tempo, narración intensa e trepidante e abundantes influencias posteriores. Protagonizada por Joe Shishido, unha das figuras icónicas do xénero negro e dos relatos de acción no Xapón do momento, protagonista de Branded to Kill (1967) de Suzuki.
Venres 8 de febreiro
STRAY CAT ROCK: SEX HUNTER / NORA-NEKO ROKKU: SEKKUSU HANTA
(Xapón, 1970)
Dirección: Yasuharu Hasebe. Guión: Yasuharu Hasebe e Atsushi Yamatoya. Produción: Nikkatsu Corporation. Fotografía: Muneo Hueda. Intérpretes: Meiko Kaji, Rikiya Yasuoka. Duración: 85 minutos.
Terceira das cinco películas da serie Stray Cat Rock, protagonizadas pola estrela de culto, Meiko Kaji, como xefa dunha banda de perigosas adolescentes. Tríler cheo de enerxía e rock & roll, de pelexas e imaxes urbanas, de acción e suspense, dirixido con deliberada estilización polo especialista en cine de acción xaponés, Yasuharu Hasebe. A concepción da violencia e algunhas solucións da posta en escena van influír no Quentin Tarantino de Kill Bill.
Mércores 13 de febreiro
MUD AND SOLDIERS / TSUCHI TO HEITAI
(Xapón, 1939)
Dirección: Tomataka Tasaka. Guión: Riôzô Kasahara. Produción: Nikkatsu Corporation. Fotografía: Saburo Isayama e Tatsuyuki Yokota. Intérpretes: Isamu Kosugi. Duración: 120 minutos.
Filme de guerra rodado en China, onde Tomataka Tasaka amosa os traballos diarios e a camaradaría establecida polos soldados xaponeses, a relación individuo-grupo. O tratamento clarividente do director inclúe dúas brillantes secuencias de acción, unha escena de batalla e un asalto a unha granxa.
Xoves 14 de febreiro
CRAZED FRUIT / KURUTTA KAJITSU
(Xapón, 1956)
Dirección: Ko Nakahira. Guión: Shintarô Ishihara, sobre a súa novela. Produción: Nikkatsu Corporation. Fotografía: Shigeyoshi Mine. Intérpretes: Masahiko Tsugawa, Yûjirô Ishihara. Duración: 86 minutos.
Dous irmáns, Natsuhisa e Haruji, compiten polos favores amorosos dunha muller durante un verán que semella decisivo nas súas vidas. Título fundacional, dirixido por Kô Nakahira, adaptación dunha polémica novela de Shintarô Ishihara, un controvertido retrato da mocidade de posguerra –rebelde e sen prexuízos– salvaxemente criticado no seu momento e que conectou cun público ansioso de autoafirmación xeracional.
Venres 15 de febreiro
SUN IN THE LAST DAYS OF THE SHOGUNATE / BAKUMATSU TAIYDEN
(Xapón, 1957)
Dirección: Yuzo Kawashima. Guión: Shohei Imamura e Yuzo Kawashima. Produción: Nikkatsu Corporation. Fotografía: Kuratarô Takamura. Intérpretes: Frankie Sakai, Sachiko Hidari. Duración: 110 minutos.
Cualificada en datas recentes como unha das cinco mellores películas xaponesas de todos os tempos, admirada por Akira Kurosawa e coescrita pola figura titánica de Shohei Imamura, unha crónica social a modo de comedia de época que regresa ao final do período Edo (1862), antes da restauración Meji, fin do Xapón feudal. En medio de prostitutas, mercadores, axitadores políticos e distinguidos convidados, as vicisitudes dun samurai que fica atrapado nun bordel ata que non salde as súas débedas.
Xoves 21 de febreiro
PIGS AND BATTLESHIPS / BUTA TO GUNKAN
(Xapón, 1961)
Dirección: Shohei Imamura. Guión: Hisashi Yamauchi, sobre un argumento de Kazu Otsuka. Produción: Nikkatsu Corporation. Fotografía: Shinsaku Himeda. Intérpretes: Hiroyuki Nagato, Mitzi Mori, Masao Mishima. Duración: 108 minutos.
Despois de sufrir o peche dun local de citas, o xefe dunha banda de gángsters recorre ao comercio de carne de porco cos norteamericanos asentados na illa. O primeiro gran éxito do magnífico Shohei Imamura (La balada del Narayama, Lluvia negra) amosa o seu talento e perspicacia para afondar no retrato persoal e social nunha traxicomedia incisiva localizada no Xapón da ocupación e realizada un ano despois do pacto de seguridade entre xaponeses e estadounidenses.
Venres 22 de febreiro
INTENTIONS OF MURDER / AKAI SATSUI
(Xapón, 1964)
Dirección: Shohei Imamura. Guión: Keiji Hasabe e Shohei Imamura, sobre argumento de Shinji Fujiwara. Produción: Nikkatsu Corporation. Fotografía: Shinsaku Himeda. Intérpretes: Masumi Harukawa, Ko Nishimura. Duración: 150 minutos.
Mentres o marido e o fillo están de viaxe, unha ama de casa, Sadako, é asaltada e violada por un descoñecido, enfermo do corazón. Cando o volve encontrar, el confésalle que ela é a súa única razón para vivir. Un retrato complexo, onde medo, pensamentos de morte, dilemas internos, patoloxías e desexo son analizados polo sempre maxistral Shohei Imamura (1926-2006).
Martes 26 de febreiro
THE WORLD OF GEISHA / YOJÔHAN FUSUMA NO URAHARI
(Xapón, 1973)
Dirección e guión: Tatsumi Kumashiro, sobre unha novela de Kafû Nagal. Produción: Nikkatsu Corporation. Fotografía: Shinsaku Himeda. Intérpretes: Junko Miyashita, Naomi Oka. Duración: 72 minutos.
Un dos mellores filmes xaponeses da década dos 70, onde Kumashiro examina a relación sexo-cartos-poder. Nunha casa de gueixas en 1918, unha das mozas pasa a noite cun novo cliente que vai casar. Contra as regras, namórase do home. Unha lúdica análise das políticas do período nun dos grandes títulos do xénero Roman porno, mestura de erotismo, exploitation e refinamento visual.
Mércores 27 de febreiro
THE OLDEST PROFESSION / (MARUHI) SHIKIJO MESU ICHIBA
(Xapón, 1974)
Dirección: Noburo Tanaka. Guión: Akio Ido. Produción: Nikkatsu Corporation. Fotografía: Shôhei Andô. Intérpretes: Meika Seri, Junko Miyashita. Duración: 83 minutos.
No distrito vermello de Osaka nos anos 70, unha comedia negra sobre a vida dunha prostituta de 19 anos, o seu entorno familiar e o seu traballo. Inventiva visual, branco e negro, cámara en man, coidado formal e logrado traballo musical completan esta popular produción de Nikkatsu, dirixida por Noburo Tanaka.