O Centro Galego de Artes da Imaxe proxecta mércores 17, xoves 18 e venres 19 de abril (dous pases diarios: 18.00 e 20.30 horas) a chamada Triloxía Dreileben, conxunto de tres filmes alemáns realizados por autores adscritos á chamada Escola de Berlín, entre eles Christian Petzold, o director de Yella e Bárbara. Un tríptico de filmes producido por canles de televisión que funcionan de xeito independente entre si, pero que posúen o nexo dun mesmo tempo-espazo e a fuxida dun perigoso asasino, feito que desenvolve varias historias paralelas.
Mércores 17 de abril (18.00 e 20.30 horas)
ETWAS BESSERES ALS DEN TOD / ALGO MEJOR QUE LA MUERTE
(Alemaña, 2011)
Dirección e guión: Christian Petzold. Produción: Schramm Film Koerner & Weber e BR. Fotografía: Hans Fromm. Intérpretes: Jacob Matschenz, Luna Mijovic. Duración: 88 minutos.
Un médico mozo, Johannes, traballa nun hospital nos arrabaldes da cidade. Vaise namorar dunha refuxiada bosníaca, Ana. Porén, a vida do pobo vese alterado por outro feito, as accións do criminal que parece toparse no bosque.
Xoves 18 de abril (18.00 e 20.30 horas)
KOMM MIR NICHT NACH / NO ME SIGAS
(Alemaña, 2011)
Dirección: Dominik Graf. Guión: Markus Busch e Dominik Graf. Produción: ARD Degeto Film, Burkert Bareiss Development e TV-60 Filmproduktion. Fotografía: Michael Wiesweg. Intérpretes: Jeanette Hain, Susanne Wolff. Duración: 89 minutos.
Dúas mulleres, amigas en tempos, volven reencontrarse cando unha é chamada como psicóloga da policía para axudar a resolver o caso do asasino prófugo.
Venres 19 de abril (18.00 e 20.30 horas)
EINE MINUTE DUNKEL / UN MINUTO DE OSCURIDAD
(Alemaña, 2011)
Dirección: Christoph Hochhäusler. Guión: Peer Klehmet e Christoph Hochhäusler. Produción: Heimatfilm e WDR. Fotografía: Reinhold Vorschneider. Intérpretes: Stefan Kurt, Eberhard Kirchberg. Duración: 90 minutos.
Este último relato vai centrarse no investigador do caso policial e no propio asasino, unha mestura de thriller e western no pobo imaxinario que dá acollida aos tres filmes.