O Museo de Arte Contemporáneo Gas Natural Fenosa organiza un ciclo de cine documental español actual coordinado por Javier G. Trigales. Baixo o título “Derivas do real”, terá lugar os mércores do 5 ao 26 de xuño ás 20.00h. Entrada libre ata completar aforo. O concepto «cine» está a cambiar ao mesmo tempo que o noso presente, onde o fluxo e as fontes das imaxes se multiplicaron. En concreto, o cine documental é hoxe por hoxe unha das súas parcelas máis fascinantes, en continua mutación e propón ao espectador novos desafíos fronte ao que está a ver. Actualmente, o xénero vive no noso país unha auténtica idade de ouro, onde as películas de, entre moitos outros, José Luis Guerín ou Isaki Lacuesta, se pasean por festivais de medio mundo acaparando premios e recoñecementos. Con este ciclo queremos radiografar o presente do documental español con catro títulos que se caracterizan por formular máis preguntas que respostas sobre como contar unha historia e sobre a propia natureza das imaxes. Todas elas son propostas diverxentes en forma e fondo pero converxentes na súa excepcional calidade.