A longametraxe, documental e curtametraxes gañadoras dos Premios Mestre Mateo, celebrados recentemente na cidade de A Coruña, chegan un ano máis a Madrid para ser exhibidos na Academia de las Artes y las Ciencias Cinematográficas de España.
Os pases das diferentes obras gañadoras terán lugar os próximos 9 e 10 do presente mes de maio. Será na sede da Academia Española de Cine, a partir das 19 horas de cada un dos dous días.
Este acto encádrase dentro do acordo de colaboración que ambas entidades firmaron no ano 2012, polo cal as academias cinematográficas española e galega poderán dar a coñecer as obras audiovisuais que se producen no ámbito do cine nacional.
Esta é a orde de exhibición das obras galegas gañadoras na XI edición dos Premios Mestre Mateo:
XOVES 9: ´O XIGANTE´ (curta de animación) e ´100% CEF´ (documental).
VENRES 10: ´CONVERSA CUNHA MULLER MORTA´ (curtametraxe de ficción) e ´O APÓSTOLO´ (longametraxe).
A maiores, indicar que na semana do día das Letras Galegas, do 14 ao 16, tamén serán proxectados os gañadores e nomeados dos Premios Mestre Mateo no Centro Galego de Artes da Imaxe.