MAÑÁ DARÁN COMEZO NO CGAI AS PROXECCIÓNS DAS OBRAS GALARDOADAS E NOMEADAS NA XI EDICIÓN DOS PREMIOS MESTRE MATEO

13 / 05 / 2013

A Academia Galega do Audiovisual proxectará as obras gañadoras e nomeadas na pasada edición dos Premios do Audiovisual Galego Mestre Mateo no Centro Galego de Artes da Imaxe –CGAI-.

O Apóstolo, de Fernando Cortizo, estreará o ciclo mañá martes, ás 20.30 horas. O filme fíxose cos galardóns á mellor Longametraxe, mellor Dirección, mellor Dirección de Arte, mellor Música Orixinal, mellor Son e mellor Dirección de Produción.

A seguinte cinta chegará o mércores, día 15 de maio, coa exhibición ás 20.30h de Lobos de Arga, cinta gañadora na XI edición dos Premios Mestre Mateo na categoría de Maquillaxe e Perruquería e nomeada á mellor Longametraxe.

O xoves 16 de maio será a quenda ás 18.00h das curtas de animación nomeadas: O Xigante de Abano Producións e Pilot Design, gañadora á mellor Curtametraxe de Animación; Equilibrium de Algarabía Animación; Morti de Moonbite Games e Only You de Belén Sousa. O propio xoves ás 20.30h proxectaranse as curtas de imaxe real nomeadas: Conversa cunha muller morta, por Sonia Méndez, premiada nesta categoría; Anacos de Xacio Rodríguez Baño; Mr Smith and Mrs Wesson de Jorge Saavedra e As vacacións do verdugo de Sonia e Miriam Albert Sobrino, nomeadas estas tres á mellor curtametraxe.

Ademais, indicar que na derradeira semana do mes de maio, do 28 de maio ao 1 de xuño, tamén serán proxectados os gañadores dos IV Premis Gaudí no Centro Galego de Artes da Imaxe.

 

 

A continuación, relatamos os horarios das proxeccións:

Martes 14 de maio

20.30h. O Apóstolo, dirixida por Fernando Cortizo, premiada nas categorías de mellor Longametraxe, Dirección (Fernando Cortizo), Dirección de Arte (María Hernánz), Música Orixinal (Xavier Font, Arturo Vaquero e Philip Glass), Son (David Machado, Diego S. Staub e Miguel Barbosa) e Dirección de Produción (Marta García).

Mércores 15 de maio

20.30h Lobos de Arga, de Juan Martínez Moreno, premiada na categoría de mellor Maquillaxe e Perruquería (Raquel F. Fidalgo e Fermín Galán) e nomeada á mellor Longametraxe.

Xoves 16 de maio

18.00h Sesión de curtametraxes de animación.

O Xigante, de Abano Producións e Pilot Design, gañadora á mellor Curtametraxe de Animación; Equilibrium, de Algarabía Animación; Morti, de Moonbite Games e Continental Producciones; e Only You, de Belén Sousa, finalistas nesta categoría.

 

20.30h Sesión de curtametraxes de imaxe real.

Conversa cunha muller morta, dirixida por Sonia Méndez, premiada na categoría de mellor Curtametraxe; Anacos, de Xacio Rodríguez Baño; Mr Smith and Mrs Wesson, de Jorge Saavedra; e As vacacións do verdugo, de Sonia e Miriam Albert Sobrino, nomeadas estas tres á curta.

 

Etiquetas: