DIRECTIVOS DAS PRINCIPAIS CANLES DE TELEVISIÓN AVALÍAN OS PROXECTOS DOS ALUMNOS DO MPXA

11 / 06 / 2013

O vindeiro, 14 de xuño, celebrarase no Máster en Produción e Xestión Audiovisual (MPXA), título propio da Universidade da Coruña que organiza a Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre, unha xornada de pitching na que os alumnos presentarán ante profesionais do sector audiovisual os proxectos que realizaron ao longo do curso. Nesta ocasión o tribunal estará formado por Manuel Villanueva, director xeral de contidos de Mediset España; Sonia Martínez, directora de ficción de Antena 3; Rosa Vilas, directora de Televisión de Galicia; Pedro Revaldería, director xeral de Producciones Mandarina; e Laura Abril, directora editorial de MTV España.

Durante a sesión, os alumnos do MPXA deberán defender o proxecto individual que desenvolveron, asesorados polos seus titores. Esta será a segunda vez que o fagan este curso, xa que no mes de abril tiveron que enfrontarse a outro tribunal de expertos do sector audiovisual, representantes das principais produtoras galegas.

Este ano os alumnos deseñaron formatos moi diversos: varias longametraxes documentais e de fición, unha  miniserie, unha serie de animación, varios realities e produtos transmedia.

Na presentación dos traballos, os estudantes deberán empregar a técnica de pitching para defender os seus proxectos. Posteriormente, o tribunal avaliará distintos aspectos de cada proposta e exporá as súas posibilidades reais no desenvolvementos. En anteriores ocasións os membros do tribunal animaron a algúns alumnos a seguir traballando no proxecto para a súa venda. De feito, un dos proxectos presentados en abril está en produción e, outros dous, en fase de desenvolvemento.

Categoría: Noticias
Etiquetas: