CICLO PAISAXES DO ROMANTICISMO. EN TORNO A ROSALÍA DE CASTRO NO CGAI

21 / 06 / 2013

O Centro Galego de Artes da Imaxe comezou onte día 20 de xuño (18.00 e 20.30 horas) coa proxección de Remando al Viento (1988) de Gonzalo Suárez o ciclo Paisaxes do romanticismo. En torno a Rosalía de Castro.

Para os actos paralelos da conmemoración do 150 aniversario da publicación de Cantares gallegos, o CGAI propón un ciclo de cine en torno a diversos conceptos que poden axudarnos a entender a época e o ambiente cultural na Europa de mediados do século XIX co romanticismo como eixo vertebrador. Dado que a figura de Rosalía de Castro a penas constituíu un obxecto de atención relevante por parte do cine, o ciclo non pode centrarse directamente nin na súa biografía nin lamentablemente tampouco na súa obra. Hai agora un ano, o 25 de febreiro de 2012, o CGAI xa programou unha sesión de homenaxe a Rosalía coa recuperación de dous traballos documentais, Homenaxe a Rosalía de Castro (1939), celebración do centenario da poeta en Buenos Aires que conta cunha intervención de Blanco Amor, e Peregrinaxe lírica aos lugares rosalianos (1951), unha peza doméstica pertencente á familia Beiras que visita os espazos propios da vida e a obra da autora de Cantares gallegos. Ambas a dúas vanse recuperar nesta ocasión.

O ciclo céntrase consecuentemente nunha serie de títulos que, pola vía do seu argumento, da época na que están ambientados ou polo feito de se tratar de adaptacións de significativas obras literarias, ofrecen unha visión panorámica do romanticismo. As películas, case todas elas cun indiscutible protagonismo feminino, son as seguintes: Remando al viento (Gonzalo Suárez, 1988), sobre as circunstancias que rodearon a creación de Frankenstein por parte de Mary W. Shelley; Cumbres borrascosas (Andrea Arnold, 2011), a última e unha das mellores adaptacións da obra de Emily Brontë (1847); Lola Montes (Max Ophuls, 1955), o gran clásico de Ophuls sobre este personaxe histórico da Europa do século XIX; Bright Star (Jane Campion, 2009), o romance entre Fanny Brawne e John Keats nos últimos anos de vida do poeta (1821), relación que deu como froito unha apaixonada correspondencia epistolar publicada en 1878; Melancolía (Lars von Trier, 2011), unha película de ciencia ficción que liga o sentimento melancólico cun ideal romántico cuxas orixes artísticas remiten de forma inequívoca ao século XIX e El árbol de la vida (Terrence Malick, 2011), película de ambientación contemporánea que aborda temas característicos do romanticismo como o concepto do sublime na paisaxe e a influencia do filósofo do XIX Ralph Waldo Emerson.

Venres 21 de xuño (18.00 e 20.30 horas)

WUTHERING HEIGHTS / CUMBRES BORRASCOSAS   
(Reino Unido, 2011)
Dirección: Andrea Arnold. Guión: Andrea Arnold e Olivia Hetreed, sobre a novela de Emily Brontë. Produción: Ecosse Films, Film4, Hanway Films e Goldcrest Films International. Fotografía: Robbie Ryan. Intérpretes: Solomon Glave, Shannon Beer. Duración: 129 minutos.  
A única e xa clásica novela de Emily Brontë deu lugar a estimulantes filmes, como o dirixido en 1939 por William Wyler ou Abismos de pasión (1953) de Luis Buñuel. A historia de amor interracial e interclase de Cathy e o criado case irmán bastardo Heathcliff (tratado como unha besta) produce unha gozosa fusión entre o relato social e o retrato amoroso romántico. Película punky, dura, seca, abrupta, agreste como a novela mesma e o amor –un lume de paixón nobre e decidido– do personaxe de Heathcliff, en que Andrea Arnold ofrece unha versión radical e curiosamente fidedigna chea de hiperrealismo (protagonistas pouco menos ca nenos) e a presenza natural do entorno, captada en tons cincentos, opacos, apagados, constitúen unha xuntanza estética para o relato dun amor tan tormentoso coma auténtico.   

Martes 25 de xuño (18.00 e 20.30 horas)
LOLA MONTÈS / LOLA MONTES   
(Francia-Alemaña, 1955)
Dirección: Max Ophuls. Guión: Max Ophuls e Annette Wademant, baseados na novela La vida extraordinaria de Lola Montes de Cécil Saint-Laurent. Produción: Gamma Film, Florida Films e Union-Film. Fotografía: Christian Matras. Intérpretes: Martine Carol, Peter Ustinov, Anton Walbrook. Duración: 116 minutos.
Lola Montes foi unha cortesá coñecida na Europa do século XIX. Agora é a atracción dun circo de Nova Orleáns, onde un mestre de cerimonias narra a súa escandalosa vida ao público en canto ela realiza un número acrobático. Dono dun romanticismo humanista, Ophuls filma o seu último filme –único en cor–, un brillante resumo da súa obra, estilizada e fermosa. Sen dúbida, un dos clásicos da historia do cine.   

Mércores 26 de xuño (18.00 e 20.30 horas)
BRIGHT STAR  
(Reino Unido-Australia-Francia, 2009)
Dirección e guión: Jane Campion. Produción: Pathe, Screen Australia, BBC, UK Film Council. Fotografía: Greig Fraser. Intérpretes: Abbie Cornish, Ben Whishaw, Paul Schneider. Duración: 119 minutos.  
No Londres de 1818 comeza unha relación sentimental secreta, aparentemente disonante, entre o mozo poeta inglés John Keats e unha estudante, a súa veciña Fanny Brawne. Fanny conmóvese cando sabe que Keats coida do seu irmán menor enfermo. Axiña comeza a ensinarlle cousas relacionadas coa poesía. Contida narración de Jane Campion, a coñecida directora de El piano e Retrato de una dama, chea de sinceridade emocional e pulso narrativo, un filme que ha sorprender a moitas e moitos.  

Xoves 27 de xuño (18.00 e 20.30 horas)
MELANCHOLIA / MELANCOLÍA   
(Dinamarca-Alemaña-Suecia-Francia, 2011)
Dirección e guión: Lars von Trier. Produción: Zentropa Entertainments, Memfis Film, Slot Machine, Zentropa International Köln, BIM Distribuzione, Eurimages, Trollhättan Film AB e Arte France Cinéma. Fotografía: Manuel Alberto Claro. Intérpretes: Kirsten Dunst, Charlotte Gainsbourg, Kiefer Sutherland. Duración: 136 minutos.  
Justine e Michael celebran unha voda custosa na casa da irmá dela. Coincidindo con este feito, o planeta Melancolía diríxese cara á Terra. Un filme de ciencia ficción que liga o sentimento da melancolía cun ideal romántico cuxas orixes artísticas remiten ao século XIX. Segue a irreverente carreira de Lars von Trier, para a ocasión cun reparto de luxo, onde se inclúen John Hurt, Stellan Skarsgard, Udo Kier e Charlotte Rampling. Premio á mellor actriz en Cannes.  
 
Venres 28 de xuño (18.00 e 20.30 horas)
THE TREE OF LIFE / EL ÁRBOL DE LA VIDA   
(Estados Unidos, 2011)
Dirección e guión: Terrence Malick. Produción: Fox Searchlight Pictures e Riverroad Entertainment. Fotografía: Emmanuel Lubezki. Intérpretes: Brad Pitt, Jessica Chastain, Sean Penn. Duración: 139 minutos.  
Palma de Ouro en Cannes á mellor película, o filme máis controvertido do poeta en imaxes Terence Malick (Malas tierras, Días del cielo, La delgada línea roja, To the Wonder) é unha poderosa e sincera reflexión  sobre os misterios da vida marcada tamén por elementos románticos: a presenza filosófica de Emerson e o concepto do sublime na paisaxe. Estados Unidos, anos 50; asistimos ao proceso de formación de Jack, un cativo que vive coa súa familia, un grupo en que o pai encarna a estrita severidade e a nai a tenrura e o amor. Anos máis tarde, trata de evocar a súa influencia.    
 
Sábado 29 de xuño (18.00 e 20.30 horas). Entrada de balde.
HOMENAXE A ROSALÍA DE CASTRO    
(España, 1939)
Duración: 8 minutos.  
Con motivo do centenario (1937) do nacimiento de Rosalía de Castro celebrado en Buenos Aires, un filme mudo en 16 milímetros que se cría perdido e apareceu nas dependencias da Casa-Museo Rosalía de Castro. Posiblemente obra de Eligio González, inclúe unha intervención de Eduardo Blanco Amor.

PEREGRINAXE LÍRICA AOS LUGARES ROSALIANOS     
(España, 1951)
Dirección, guión e produción: Alborada Films. Duración: 50 minutos.  
Ou Pelegrinaxe lírica aos lugares rosalianos, unha peza doméstica e descoñecida pertencente á familia Beiras que visita os espazos propios da obra e a vida da poetisa.  

IGNOTUS   
(España, 2000)
Dirección: Virginia Curiá e Tomás Conde. Guión: Daniel Domínguez. Produción: Algarabía Animación, Lúa Films e TVG. Duración: 16 minutos.  
Un neno orfo consegue sobrevivir a fame negra de 1853 coa axuda de Rosalía, unha moza escritora de clase social acomodada, quen lle proporciona alimento e roupa ó rapaz. Esta é unha obra de animación con personaxes de plastilina, na que tamén se ensalza a figura de Manuel Murguía con motivo do día das Letras Galegas de 2000. A historia baséase no relato orixinal homónimo escrito por Murguía e publicado en Los Precursores (1853). Música de Gastón Rodríguez.

Categoría: Noticias
Etiquetas: