UN REPRESENTANTE DE BOLLYWOOD VISITARÁ SANTIAGO PARA COÑECER O POTENCIAL DA INDUSTRIA AUDIOVISUAL GALEGA

31 / 07 / 2013

O Clúster Audiovisual Galego (CLAG) organiza a visita a Santiago, os días 3, 4 e 5 de agosto, do Chief Executive Officer da Asociación de Produtores de Cine e Televisión da India, Kulmeet Makkar. O representante da asociación de produtores máis importante da India reunirase con produtores galegos e percorrerá Santiago en busca de posibles localizacións cinematográficas.

O Clúster prepara a visita do representante dos produtores indios a Compostela en colaboración coa Spain Film Commission e a Santiago de Compostela Film Commission, e conta co apoio da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic).

Kulmeet Makkar é un profesional comprometido co sector audiovisual, que posúe unha dilatada traxectoria dentro da industria do entretemento da India. Na actualidade, ocupa o cargo de CEO da Asociación de Produtores de Cine e Televisión de India, unha das máis importantes do mundo cunha produción anual superior ás 700 películas. Makkar é o responsable da promoción internacional e do desenvolvemento comercial da produción cinematográfica e televisiva do seu país. Ademais, Kulmeet Makkar preside a compañía Shreya Entertainment, dedicada á produción cinematográfica e ao entretemento dixital.

 

Axenda de Kulmeet Makkar

Durante a súa estancia en Santiago, Kulmeet Makkar participará, na tarde do sábado 3 de agosto, nunha sesión de traballo con produtores galegos. A través de reunións bilaterais, o produtor indio coñecerá de primeira man o traballo que está a desenvolver a industria do audiovisual en Galicia, e os proxectos de cine e televisión que teñen en carteira as empresas participantes neste encontro.

Ao día seguinte, o domingo 4 de agosto, o produtor indio manterá un encontro, con responsables da Santiago de Compostela Film Commission para coñecer as potencialidades da cidade como plató de cine, e visitará distintas localizacións de Santiago e os seus arredores.

Durante a súa visita á capital galega, Kulmeet Makkar tamén se reunirá co director da Agadic, Jacobo Sutil, para intercambiar impresións sobre as potencialidades do sector audiovisual galego e abrir novas vías de colaboración que culminen en posibles acordos comerciais entre ambas industrias.

Con esta visita tratarase de establecer liñas de cooperación que impulsen posibles coproducións entre Galicia e a India, así como a realización de rodaxes cinematográficas co selo Bollywood en Santiago.

Categoría: Noticias
Etiquetas: