CHANTADA FILMS NA XXXV SEMANA INTERNACIONAL DE CINE DE AUTOR DE LUGO

11 / 09 / 2013

O Grupo Fotocinematográfico Fonmiñá quere para celebrar o 35 aniversario na XXXV Semana Internacional de Cine de Autor de Lugo “homenaxear ós lucenses vencellados coa sétima arte” e para estas xornadas dedicará un ciclo na súa Sección Oficial a traxectoria e labor da produtora da vila do Asma Chantada Films.  A produtora leva trece anos traballando no eido audiovisual, sendo a primeira Asociación Cinematográfica do sur lucense e pioneiros na realización de curtametraxes en Chantada, segundo afirma o seu presidente Alfredo Pardo “Chantada Films nace coa vocación de mobilizar e coordinar  os recursos fílmicos para construír unha realidade alternativa, con producións autóctonas baixo o selo de orixe Rural Underground. Baseámonos en accións tradicionais, potenciando a cultura popular, experimentando cos recursos rurais e fomentando a participación veciñal”.

Alfredo Pardo sinala que “na estructura narrativa e figurativa dos filmes de Chantada Films, intentamos sintetizar o espírito cinematográfico na arte de reproducción e de encantamento, nunha complicidade entre personaxe e espectador.  Curtas con estilo narrativo propio e de carácter onírico baixo a profundidade de campo dos valores paisaxísticos e arquitectónicos da comarca”.
Alfredo Pardo realizou o primeiro estudo do cinema  asinando Apuntamentos para unha historia da cinematografía en Chantada, aloxadas no libro coordinado por Andrés Pavón Crónicas Chantadinas”. Dende as orixes en 1912 onde a cultura visual implántase coas proxeccións nos salóns da sociedade recreativa a Liga de Amigos; as primeiras salas estables de cine e as primeiras películas rodadas, como Fuego de 1963 no Salto de Belesar.
Coa participación de máis de 200 veciños a finais de 1999 comeza a produción da mediometraxe Punto e final, baseado no relato do escritor brasileiro Rubém Fonseca “Amarguras de un joven escritor” coa colaboración no debuxo do cartel do pai do cómic underground ibérico NAZARIO.
En 2008 a rodaxe de O labirinto ario recrea nunha atmosfera insán, inclasificable e de moito humor negro unha trama onde nazis buscan o Santo Grial no Monte do Faro, Hitler escapa do búnker morrendo en Galicia e enterrado en Nogueira –Chantada- , alieníxenas do planeta UMMO fan encontros na 3ª fase e a condesa do Pazo de Tor xunto a Franco –co doble monfortino Ramón Pérez- intentan axudar a creación dunha nova raza área. O Labirinto Ario contou para o deseño do cartaz con Pedro Vera, debuxante da revista satírica El Jueves. Seleccionada os Premios Mestre Mateo contou cuns actos de apoio dende a Xerencia da Rede Museística Provincial sen precedentes, organizando por todos os Museos da provincia de Lugo proxeccións e exposicións onde artistas, poetas, escritores e intelectuis ofreceron o seu apoio. Foi tamén seleccionada no Festival de Cans –Porriño-, no Festival Artístico Paralelo da Coruña, no Centro Galego de Artes da Imaxe –CGAI, na Coruña-, na VI Festival Transterritorial de Cine Underground de Bós Aires, tendo unha forte repercusión mediática a nivel nacional.
No 2010 iníciase a rodaxe do filme mudo Garabolis con debuxo de Xaquín Marín. Candidata ós Mestre Mateo e seleccionada entre mil curtametraxes de todo o mundo no XVI Festival de Cine Internacional de Ourense e nas XOCIVIGA en Curto do Carballiño.
En 2011 producen Lola, unha adaptación dunha historieta de Max Cabanes,
con debuxo do cartaz do catalán Joan Boix e a participación de Fernando Morán, Mela Casal, Carlos Blanco, Uxía Blanco, Miro Magariños, Darío Loureiro, Adelaida Vidal e Irene Puyol, con música orixinal do afamado compositor coruñés Sergio Pena. Seleccionada no Festival Por Amor al Arte da Coruña, no CGAI da Coruña, nas XII Xornadas Mostra de Curtametraxes do Ateneo Ferrolán…
Chantada Films tamén produxo dende o 2009 os catro spots oficiais para internet do Castañazo Rock de Chantada e dous videoclips: No me da la gana de Miguel Costas/Banda e Narco-corrido Ribeirao do grupo chantadino de rock bravú Liviao de Marrao.
Manuel Curiel, Director da XXXV Semana Internacional de Cine de Autor de Lugo e o Grupo Fotocinematográfico Fonmiñá, proxectará na Sección Oficial en recoñecemento pola traxectoria audiovisual os seguintes filmes de Chantada Films antes de cada película no Auditorio Gustavo Freire.

http://www.fonmiña.es/ciclos/Curtas%20-%20Secci%C3%B3n%20Oficial/2013


LOLA, día 17 de setembro.
O LABIRINTO ARIO, día 18 de setembro.
GARABOLIS, día 19 de setembro.

Etiquetas: