FORA DO CONTINENTE, PROXECTO DOCUMENTAL SOBRE AS ILLAS ONS

14 / 10 / 2013

A produtora Omen Producións está a producir un documental ao redor da vida nas illas Ons. Desafían á lóxica temporal. Na era das (tele) comunicacións e sociedades 2.0, unhas poucas familias viven nunha illa da que non queren afastarse. Lonxe das grandes cadeas de supermercados, sanidade e educación, catro veciñas e veciños da illa de Ons resístense a abandonar a que consideran a súa casa. O seu modo de vida é único, como agora o é o seu status legal.

Fóra do Continente é un proxecto documental que busca explorar nesta realidade que se vive na Illa de Ons, na súa forma de vida, nos seus costumes, medos, na relación que día a día establecen co mar. O mar que os rodea, do que dependen coma fonte de alimentación e do que non poden renegar a pesar de terse levado a familiares, fillos, amigos.

Fóra do Continente vertébrase a partir dos dous matrimonios que habitan a illa durante todo o ano, con eles coñeceremos as súas costumes, as razóns que os levan a seguir vivindo na illa, a vida no pasado e as diferencias co continente. Como se vive dispoñendo practicamente dunha illa para un?

Despois dunha primeira fase de gravación durante o mes de abril, o equipo de Fóra do Continente, formado por dous mozos galegos e tres cataláns, atópase durante outubro na illa de Ons nunha segunda e definitiva fase de rodaxe que permitirá completar un documental que reflexará unha realidade galega.

Un traballo galego-catalán, protagonizado por galeg@s mais non só para galeg@s. Unha peza que espertará interese en Galicia, pero que tamén o pode facer máis alá. Estamos diante dunha situación única, posiblemente ante os últimos momentos nos que poida ser rexistrada, a vida na illa semella, cada ano que pasa, unha utopía máis grande.

Nunha illa, na boca da ría de Pontevedra, exposta ás inclemencias do Oceáno Atlántico, viven dous matrimonios que se resisten a abandonar o lugar onde medraron e pasaron case toda a súa vida. Onde viven unha realidade que merece ser contada. Unha realidade que merece ser coñecida.

O documental atópase nestes momento na procura de ventás de distribución e difusión. Parte do seu equipo formouse na Universidade de Santiago de Compostela no grao en Comunicación Audiovisual, polo que pensamos que podería ser interesante que este documental atopara un oco nos canles de distribución do noso lugar de orixe. A continuación tedes o trailer do proxecto en http://www.youtube.com/watch?v=5VQaUj96-QY&feature=youtu.be

Categoría: Noticias
Etiquetas: