«O APÓSTOLO» ENTRA NA SELECCIÓN DAS CANDIDATURAS AOS ÓSCAR

6 / 11 / 2013

O Apóstolo de Fernando Cortizo é un dos dezanove filmes que a Academia de Hollywood valora para finalistas ao Óscar de animación. Canda ela, grandes éxitos e cintas de altísimos orzamentos como Avións, Os Pitufos 2, Turbo, Gru, Mostros Universiy ou Rio.

As grandes compañías de animación dominan a carreira a un dos Óscar máis codiciados no mercado americano mais na listaxe final conseguiu colarse “O Apóstolo” de Fernando Cortizo, o primeiro filme europeo en utilizar a técnica de “stop-motion”. A competencia é dura e canda a proposta de O Apóstolo aparecen algunhas das películas que máis recadación acadaron nos últimos tempos como Turbo, Avións ou Os Pitufos 2. O 16 de xaneiro coñeceranse as finalistas á categoría. 

 

O Apóstolo foi a grande triunfadora nos Premios Mestre Mateo con seis premios, entre eles, o de mellor filme. Foi tamén finalista nos Goya. A película de Cortizo obtivo tamén o primeiro premio no 11º Festival de Cinehorizontes de Marsella, entrou na sección oficial do Festival Internacional de cine de Moscú e recibiu o Primeiro Premio no Festival EXPOTOONs de Bos Aires, o festival de animación máis importante de Latinoamérica. Tamén foi recoñecido polo xurado do público do prestixioso Festival de Cine de Annecy.

 

Carlos Blanco, Luis Tosar, Celso Bugallo, Isabel Blanco, Jose Manuel Olveira ‘Pico’, Geraldine Chaplin, Jorge Sanz e Paul Naschy poñen as voces da película dirixida polo compostelán Fernando Cortizo e son en boa parte modelos dos personaxes de animación do filme.

Etiquetas: