A Academia Galega do Audiovisual presenta a última colaboración neste 2013 coa Acadèmia del Cinema Català coa proxección das curtametraxes dos Premis Gaudí e dos Mestre Mateo.
Deste xeito, hoxe luns día 11 de novembro ás 17.00h no Teatro Zorrilla dentro da programación do Festival Filmets, proxectaranse curtametraxes de imaxe real e animación nomeadas nos XI Premios Mestre Mateo: “Conversa cunha muller morta”, de Sonia Méndez, gañadora; “Anacos”, de Xacio Baño; “Mr. Smith and Mrs. Wesson”, de Producións de fin de semana e Aira Studio; “As vacacións do verdugo”, de Miriam e Sonia Albert Sobrino, todas de imaxe real; e as de animación “O Xigante”, de Abano Producións e Pilot Design; “Equilibrium”, de Algarabía Animación; “Morti”, de Moonbite Games S.L. e Continental Producciones S.L.; “Only You” de Belén Sousa.
Pola súa banda, o mércores día 20 de novembro será o CGAI (Centro Galego de Artes da Imaxe, A Coruña) quen acolla a exhibición das curtas nomeadas nos V Premis Gaudí: «Luisa no está en casa», de Celia Rico; «Elefante», de Pablo Larcuen; «Coup de Grace» de Clara van Gool; e «Cartas desde la locura» de Xavi Puebla.
A entrada a ambas sesións é gratuíta ata completar aforo.