OS CONTRABANDISTAS DE MOONFLEET, MAÑÁ NO MACUF

22 / 11 / 2013

Este sábado, día 23 de novembro ás 18.00h terá lugar a proxección de Os contrabandistas de Moonfleet, de Fritz Lang, no Museo de Arte Contemporánea Gas Natural Fenosa de A Coruña dentro do Ciclo de Cine Familiar. Entrada libre, aforamento limitado. Os contrabandistas de Moonfleet. Gran Bretaña, século XVIII. John Mohune, un neno de familia nobre pero pobre, é enviado pola súa nai moribunda a Moonfleet, para que se poña baixo a protección de Jeremy Fox. O rapaz descobre que Fox, ademais de ser un antigo amante da súa nai, é o xefe dunha banda de bucaneiros. Entre os dous xurdirá unha estraña amizade e xuntos vivirán apaixonantes aventuras. Na liña de clásicos como «A illa do tesouro», «Os contrabandistas de Moonfleet» é un auténtico exemplo de cine de piratas, duelos e tesouros ocultos, e outra obra mestra de Fritz Lang.

Ciclo de Cine Familiar. Este ciclo pretender recuperar o extraordinario hábito de acudir en familia ao cine, nuns tempos en que internet e as novas pantallas de ipads e tablets individualizaron o acto de compartir unha película. Nós reivindicamos que o cine debe verse en compañía e ás escuras, rodeado de estraños. Para iso, recuperaremos clásicos atemporais como «O mago de Oz», éxitos descomunais como «Os Goonies» ou «Superman» e novos fitos do cine infantil como «Onde viven os monstros» ou «Os mundos de Coraline». Un ciclo onde fomos moi esixentes ao facer a selección duns títulos que posúan valores universais e sobre todo unha gran calidade cinematográfica. Pensamos nos máis pequenos da casa, pero tamén nos maiores que os acompañarán. Grandes películas de hoxe e de sempre para gozar en familia.

 

Categoría: Noticias
Etiquetas: