O vindeiro 14 de marzo terá lugar no Auditorio da Biblioteca da Cidade da Cultura de Compostela o foro estratégico “O escenario dixital: gamificación, oportunidades de negocio no segmento de videoxogos” organizado polo Clúster do Audiovisual Galego.
Temática a abordar:
O mercado dos videoxogos acadou en España en 2011 a cifra de 890 millóns de euros, dos cales o 60% corresponden aos videoxogos físicos e ás descargas en consola.
A importancia do videoxogo como segmento de mercado non se limita ao seu uso tradicional, senón que existen oportunidades de negocio derivadas de sinerxías con outros sectores: as aplicacións educativas, os desenvolvementos para para o sector da mediciña, os xogos como produto crossmedia.
Ademais dos citados, entre os ámbitos de maior atractivo encóntrase o do márketing que encontrou na aplicación da mecánica dos videoxogos unha estratexia publicitaria e promocional de interese, especialmente para conectar co público máis novo.
No foro proposto preténdese reflexionar sobre as oportunidades de negocio e os retos no ámbito tecnolóxico para as empresas galegas que se derivan da gamificación, ou tendencia de mercado consistente na diversificación ou extensión do negocio do videoxogo a outros conceptos de produto ou mercados, tendencia que se ve favorecida ademais polas posibilidades que supón a súa distribución on-line.
Contido:
Expoñer a situación actual e retos que afronta o segmento dos videoxogos en España a medio prazo.
Coñecer experiencias empresariais de referencia no ámbito nacional e autonómico.
Presentar liñas de investigación e desenvolvemento de centros tecnolóxicos de referencia de ámbito nacional e autonómico.
Presentar oportunidades de financiamento no marco de programas europeos (H2020, Europa Creativa e outros programas específicos para gaming e gamificación).