A Academia Galega do Audiovisual decidiu outorgar este ano o seu premio honorífico a unha das persoas máis relevantes do audiovisual galego, Manolo González, cuxa traxectoria profesional se desenvolveu en boa parte no ensino. O homenaxeado recibirá o Premio de Honra “Fernando Rey” na gala de entrega dos XII Premios Mestre Mateo, que terá lugar no Palexco da cidade da Coruña o 12 de abril.
A paixón e compromiso de Manolo Gonzalez pola profesión, destaca a Academia, fixeron que formase parte da creación, desenvolvemento e impulso da Escola de Imaxe e Son da Coruña, sen a que non se entendería a historia máis recente do audiovisual en Galicia. Sempre comprometido coas novas xeracións e cos novos talentos, vangardista en políticas culturais no seu paso pola Axencia Galega do Audiovisual, documentalista e mestre, Manolo Gonzalez é, en definitiva, unha das persoas que máis se apaixoaron, se entregaron e se comprometeron co audiovisual en Galicia.
Na imaxe, Manolo González amosa a canle de vídeos de Historia de España Cliphistoria.
No documento adxunto, atoparedes unha biografía completa e unha pequena entrevista co homenaxeado.