Play-Doc Festival Internacional de Documentais de Tui, que se celebrará do 2 ao 6 de abril, pon en marcha este ano un novo laboratorio de creación, logo do éxito dos Retratos Filmados das anteriores edicións. Marta Andreu, responsable do Máster en Documental de Creación da Universidade Pompeu Fabra, volve coordinar o curso, desta volta centrado na idea da “transformación”. A intención do LAP (Laboratorio de Apuntes Fílmicos) é que cada cineasta convidado capture, dende a súa propia caligrafía, os cambios de diversa índole -sociais, económicos, paisaxísticos…- que se están a producir no seu entorno. Nesta edición, os autores elixidos son Eloy Enciso, Marcos Nine, Otto Roca e Ángel Santos; todos eles cunha importante traxectoria profesional, e cuxas obras foron seleccionadas en edicións anteriores do certame. Os directores xa están a traballar nesta proposta, experimentando en torno a esta idea do cambio. Os resultados poranse en común durante a celebración do Play-Doc, nunha sesión especial o domingo día 6 de abril, ás 18.30 horas. Nela, compartiranse as secuencias co público, reflexionando sobre o que cada autor quixo evocar con elas.
O mellor documental galego da tempada
Alén de favorecer a creación de novos traballos en e sobre Galicia, o festival apoia a difusión dos talentos que, de seguro, marcarán o devir do documental galego. Play-Doc reserva unha sección para as curtas de Hugo Amoedo, Nacho Canosa, Iván Castiñeiras, Eloy Domínguez Serén e David Hernández, novos valores do audiovisual local; aos que se suman Alberto Gracia e Ramiro Ledo coas súas últimas longametraxes. Canosa e Castiñeiras retratan ambientes tamén en transformación, nas súas respectivas Ecos de lo urbano e A Raia. O primeiro, o espazo rururbano da periferia de Barcelona, onde xorden hortos que resisten á urbanización de polígonos industriais e autovías. O segundo, a paulatina perda das tradicións na fronteira rural entre Galicia e Portugal.
Pola súa banda, Hernández e Amoedo retratan o día a día das comunidades nas que filman. Este último observando e conversando cos particulares habitantes de Camping Wesertal, na zona Valona de Bélxica. Unha aproximación máis naturalista que a de Spaces of Time#1 – Vigo, na que a cidade galega é fotografada tendendo á abstracción propia das sinfonías urbanas do cinema de vangarda de inicios do século XX. Mais, se cadra, a obra máis persoal sexa a de Domínguez Serén. Pettring, aprendiz en sueco, remite aos seus primeiros meses en Suecia, onde traballa como peón de obra, nun país que lle resulta alleo. Honesto diario filmado, moitos galegos sentiranse identificados nel, ao remitir a unha das realidades máis comúns de Galicia: a emigración.
Ramiro Ledo presenta VidaExtra, un arriscado ensaio fílmico sobre as vías de contestación política da súa xeración, baseado na novela de Peter Weiss A estética da resistencia. Inspirado tamén por outra obra, O enigma de Kaspar Hauser de Werner Herzog, Alberto Gracia filma O quinto evanxeo de Gaspar Hauser. Unha proposta de carácter experimental moi libre e esteticamente abraiante, que reflexiona sobre os mecanismos de construción da linguaxe.
A distribución a debate
Preocupado pola difusión destas obras, e nun contexto cada vez máis reducido para os filmes de non ficción e de baixo presuposto, Play-Doc organiza unha mesa de debate para falar das alternativas que existen á distribución comercial tradicional. Moderada polo programador do CGAI (Centro Galego de Artes da Imaxe) José Manuel Sande, contará coa presenza de Felipe Lage, produtor de Zeitun Films, quen dende a súa experiencia, dará unhas pautas de como presentar este tipo de filmes a festivais internacionais; Manuel Precedo, presidente de FECIGA (Federación de Cineclubes de Galicia), interesado na proxección destas películas con máis regularidade nas salas de Galicia; Diego Rodríguez, un dos responsables do festival Márgenes, nado en Internet, pero tamén con presenza física en diversos espazos de exhibición; e María Yáñez, unha das socias da empresa de contidos web A Navalla Suíza, cun claro interese no cinema e nas novas narrativas dixitais, quen se centrará nas posibilidades que ofrece a rede para distribuír e dar a coñecer filmes. Pola súa banda, o festival achegará a súa propia visión sobre a materia, a través do proxecto Play-Doc TV, plataforma de vídeo baixo demanda dispoñible no operador de cable R. Nesta, o certame programa contados relacionados coa súa liña editorial durante todo o ano.