AMPLÍASE ATA O 9 DE MAIO O PRAZO DE INSCRICIÓN DA 8ª EDICIÓN DO PITCHING «I+P IDEAS PARA PRODUCIR»

30 / 04 / 2014

O Clúster Audiovisual Galego (Clag) amplía o prazo de inscrición da 8ª edición do pitching «I+P Ideas para producir» ata o día 9 de maio, ás 14:00 horas. Esta xornada de exposición de proxectos audiovisuais celebrarase o vindeiro 12 de xuño en Santiago de Compostela. A comunicación dos proxectos seleccionados farase o día 12 de maio. O pitching pretende reunir a empresas ou participantes individuais que buscan alianzas empresariais de cara á coprodución. Doutra banda, para as producións xa nun estado máis avanzado, o I+P pretende facilitar o encontro con distribuidoras, programadores de antena e responsables de vendas internacionais para a comercialización.

O Clag organiza esta xornada de exposición de proxectos e entrevistas one to one co apoio da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), do Concello de Santiago, e do Igape e a Consellería de Economía e Industria e o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, a través da liña de «Axudas do Igape ás agrupacións empresariais (clústers) innovadoras na Comunidade Autónoma de Galicia, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) no marco do programa operativo Feder Galicia 2007-2013″.
 
Obradoiro de preparación ao pitch
 
A edición de 2014 inclúe como novidade a celebración os días 21 e 22 de maio dun Obradoiro de preparación ao pitch, para os proxectos seleccionados para seren presentados no I+P. Neste obradoiro de carácter profesional impartiranse diversas técnicas de presentación de proxectos audiovisuais a través da práctica e ofreceránselle aos participantes ferramentas para acadar lanzar o seu proxecto dunha maneira coherente e eficaz.
Inscricións
 
Para inscribirse no I+P 2014, con ou sen proxecto, é necesario enviar cuberto o formulario que acompaña esta información a comunicacion@clag.es. O prazo de recepción dos formularios remata o día 9 de maio ás 14:00 horas e o 12 de maio o Clag comunicará os proxectos seleccionados a presentar no pitching.

Categoría: Noticias
Etiquetas: