Os alumnos de primeiro curso da Escola de Produción de Audiovisuais, Radio e Espectáculos de Santiago, O Raio Verde, celebran mañá a Gala “Un príncipe para Paula”, o festival de fin de curso 2013-2014 que organizaron eles mesmos e no que porán sobre o escenario unha mostra das súas capacidades creativas e das habilidades e coñecementos adquiridos no Ciclo Superior.
Os alumnos da Escola foron os encargados do deseño, produción e posta en escena íntegros deste espectáculo, dirixidos pola profesora Margaretta Morello, e que porá en valor as competencias dos módulos cursados no Ciclo como Medio Técnicos, Produción de Audiovisuais ou Produción de Espectáculos, entre outros.
O festival está baseado nunha parodia do programa de «Un príncipe para…» da cadea Cuatro e no mesmo actuarán os membros do equipo de produción. Antes de comezar a Gala proxectaranse tres curtametraxes realizadas polos alumnos da Escola no curso académico.
O acto, que dará comezo ás 19.00 horas no salón de actos da Escola- sita na rúa Angustias nº 31- está aberto ao público en xeral e será presentado pola alumna e actriz Beatriz Méndez.