Logo dunha cuarta edición con éxito na que se deixou moi alto o listón, o (S8) Mostra de Cinema Periférico de A Coruña conseguiu superar o reto rexistrando un total de 9.249 visitantes. A afluencia de público increméntase en todas as sedes do festival, sendo o Centro Sociocultural Fundación Novacaixagalicia o espazo máis popular da Mostra con máis de 5.000 visitas na primeira semana de xuño.
O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) sumou 517 espectadores rexistrando unha das mellores semanas dos últimos meses. Mentres que nas actividades que tiveron lugar na sede de NCG repartíronse máis de 700 entradas. Como vén sendo habitual, as noites de cinema expandido na Fundación Luis Seoane lévanse a palma de asistencia con 800 espectadores en catro sesións, sendo a máis numerosa a clausura do festival co programa Let Your Light Shine da artista norteamericana Jodie Mack.
Por outra parte, a proxección de Jirokichi the rat (Daisuke Ito, 1932) acompañada de narración Katsuben – Benshi, rexistrou unha entrada de 280 persoas que por primeira vez tiveron a oportunidade de gozar dunha oferta cultural deste tipo no territorio nacional. O Katsuben tivo dúas representacións máis logo da estrea en A Coruña nas dúas principais cidades do país, Madrid e Barcelona, con boa resposta por parte do público, aínda que sen superar a cifra positiva do (S8).
Ademais da gala inaugural no Teatro Rosalía de Castro, as sesións que tiveron a mellor acollida por parte do público foron a estrea internacional de Phantom Nebula (Takashi Makino, 2014) e To the Sleepy Rhythm of a Hundred Hours (Media City Film Festival) no CGAI; e na Fundación Novacaixagalicia a performance White Calligraphy, Re – Read de Takahiko Iimura e o programa de Daïchi Saïto.
En canto aos espazos expositivos, as tres primeiras semanas de Lost&Found. Arquivos (Re) Colectados no espazo NORMAL da Universidade da Coruña rexistra unha afluencia de máis de 500 visitantes. Mentres que as instalacións de Rei Hayama (The Focus) e Shinkan Tamaki (Passages) na Fundación Luis Seoane recibiron a máis de 100 persoas no cinco días.
No apartado didáctico tamén se notou un incremento de asistencia motivado en parte pola ampliación na oferta de actividades e esgotando as prazas dispoñibles en todos os obradoiros. Deste modo a sección Mini(S8) dedicada aos máis cativos, e por outra parte futuros espectadores, triplicou o número de sesións ocupando espazos nas sedes Kiosco Alfonso e Fundación Luis Seoane ao longo de dúas xornadas. Nelas non só participaron os nenos, senón tamén os seus pais. En total máis de 70 persoas puideron gozar do Taller de Acción! Cinematográfica.
De nenos a adolescentes, a sesión O Cinema dos nativos dixitais deseñada e moderada por Manolo González, deu cabida a mostrar os traballos de mozos estudantes convidando á reflexión e o debate sobre os procesos e métodos de formación audiovisual nas aulas dos institutos.
Por último, o obradoiro, conferencia e performance dentro do programa European Souvenirs de ZEMOS98 que tivo lugar no Museo de Arte Contemporánea Gas Natural Fenosa, esgotou o número de inscricións dispoñibles para as actividades didácticas acumulando un total de 200 participantes incluíndo aos espectadores da sesión aberta de Live Cinema na tarde – noite do 10 de xuño.
Cómpre recordar que a mayoría das actividades do festival son de carácter gratuíto, sendo a excepción a gala inaugural e o obradoiro do MAC Gas Natural Fenosa, e que a organización recae sobre a asociación galega sen ánimo de lucro eSe8.
MÁIS PARTICIPACIÓN DE PROFESIONAIS
Se poñemos o foco nas actividades para profesionais, a organización do festival notou un salto cualitativo en canto á asistencia de programadores, artistas, prensa especializada e representantes de plataformas de difusión cultural e cinematográfica. Motivado todo isto non só pola internacionalización do (S8) a través do seu formato ‘Ediciones Especial’ (en 2013 focalizada en Arxentina e en 2014 en Xapón) senón tamén por actividades de interese para especialistas do medio como foron nesta edición o Focus on Artist – Run Film Lab.
Neste apartado contouse coa participación de cinco dos laboratorios máis importantes no ámbito internacional da experimentación fílmica: Double Negative (Canadá), L’Abobimable (Francia), LaborBerlin (Alemania), Worm – Filmwerkplaats (Holanda) e CraterLab (España). Daïchi Saïto, Malena Szlam, Nicolas Rey, Juan David González Monroy, Klara Ravat, Luis Macías e Adriana Vila, protagonizaron unha media xornada intensiva na que mostraron traballos das súas respectivas plataformas e charlaron sobre as posibilidades e novas expresións do medio fílmico, abrindo a porta a novas ideas, incorporacións e futuras oportunidades de colaboración. Trátase dun encontro único no marco dun festival de cinema e que normalmente se convoca de xeito exclusivo pola rede de laboratorios filmlabs.org, pero se conseguiu traer a A Coruña grazas a unha feliz confluencia de factores relacionados non só co programa desta edición, senón pola calidade dos lazos de intercambio e colaboración con axentes activos no panorama fílmico internacional construídos polo (S8) ao longo de máis de catro anos de traballo.
O quinto aniversario do (S8) arrastrou consigo a chegada de visitantes de Portugal, Alemaña, Francia, Estados Unidos, Inglaterra, Canadá, Xapón, Brasil e, por suposto, España dende distintas comunidades como Madrid ou Cataluña, e tamén Cantabria, Castela e León, Asturias, País Vasco e Andalucía. Deste modo, sumáronse á nosa celebración representantes de filmotecas e festivais como por exemplo San Francisco Cinematheque, Media City Film Festival, Curta8 Curitiba (coa presenza da programadora Lila Foster invitada por AC/E), Filmville – UK Portuguese Film Festival, Centre de Cultura Contemporània de Barcelona, Grupo de Diálogo sobre Cine Contemporáneo – Musac, e de institucións como a Japan Foundation (Madrid e Tokyo) e Acción Cultural Española.
O incremento na participación dos profesionais de industria está motivado pola difusión do festival que se expandiu alén das fronteiras españolas suscitando convites por parte de festivais como Kurzfilmtage Oberhausen, Vila do Conde, International Film Festival Rotterdam, e as mostras de apoio por parte de centros de arte como a Tate Modern de Londres.