O 19OUFF REUNE A CASE DEZ MIL EXPECTADORES

25 / 11 / 2014

Ana Garrido -concelleira de Cultura e Educación de Ourense-, Agustín Fernández -alcalde de Ourense-, Nora Sola -directora do 19OUFF- e César Silva -coordinador de programación do 19OUFF- presentaron esta mañá en rolda de prensa o balance do 19 Festival de Cine Internacional de Ourense. Nesta edición, dinamizouse culturalmente a cidade dende o primeiro momento, ofrecendo aos ourensanos durante nove días completos a posibilidade de achegarse á realidade social e cultural de España, Galicia e outros países do mundo a través da súa marca propia: a dun cine cercano, social e comprometido que aborda con frescura, valentía, e dende diferentes ópticas, problemas da vida real.

O festival serviu, un ano máis, como escaparate do cinema en Galicia. Nesta edición, o sector audiovisual galego fixo do OUFF un dos seus referentes, propiciando estreas como A esmorga, Schimbare, Linko ou Mil sorrisos & un perdón, sen esquecernos do total de 17 traballos de orixe galega que pasaron polas nosas salas, dez de eles da provincia de Ourense. Este feito  xúdanos a promocionar turística e culturalmente á cidade, posicionándoa no mapa mundial, tal  e como se demostrou coa recepción de filmes de máis de setenta países de todo o mundo -Guatemala, República Dominicana, Costa Rica, O Salvador e Pakistán fixérono este ano por primeira vez – e a visita de profesionais estranxeiros.

Espazos e público

O número total de asistentes á décimo novena edición do Festival de Cine Internacional de Ourense foi de 9.771 persoas, que participaron tanto nas proxeccións como nas actividades paralelas.

Consolídase a asistencia do maior número de espectadores no Auditorio Municipal e increméntase, en comparación coa pasada edición, prácticamente no doble o número de asistentes ao Teatro Principal, conseguindo colgar o cartel de “aforo completo” en máis de  unha ocasión, tal e como sucedeu coas dúas homenaxes -Premio Cidade de Ourense para Emilio Martínez-Lázaro e Premio Irmandade do Libro ao Mellor Guión Adaptado concedido a Carlos Bardem, ambos cunha espectacular acollida por parte do público-, e en parte das Sesións especiais – proxección de Diamantes negros, Carmina y amén ou Mil sorrisos & un perdón-.

A programación do 19OUFF completouse coas actividades paralelas e de ocio, todas elas de carácter gratuíto -os concertos de El Tragaluz, o roteiro de A esmorga, a exposición de Mayte Diz ou as Sesións Lixeiras do novo espazo do festival deste ano, o Centro Cultural Ánxel Valente-, nas que se contabilizaron un total de 1.845 asistentes.

Non podemos esquecernos da recuperación do certame cinematográfico dos máis cativos: o OUFFescola. Nesta edición experimentouse un récord de 75 traballos presentados coa participación de preto de 2.000 escolares .

O máis visto

Se desglosamos os números, atopamos que De nieuwe wereld foi o filme máis visto con 424 persoas. Séguena de preto Ohne Dich con 355 e Toastmaster con 263, que malia non estar entre as premiadas e non proxectarse o domingo como as dúas anteriores, conseguiu situarse entre as tres primeiras no que ao número de espectadores se refire. As galas de inauguración e clausura contaron con 871 e 643 asistentes respectivamente. Por días, o 19, o 20 e o 23 -no cal se proxectaron de novo os filmes premiados no que se chegou ata a cifra de 567 persoas nas salas foron os que máis espectadores se achegaron ata o Auditorio Municipal para visionar as proxeccións.

Opinión do espectador

O público valorou nesta edición a calidade dos filmes da Competición Oficial, superando catro deles a puntuación de 4 sobre cinco e quedando dous máis moi preto do 4. A máis valorada de todas foi a alemana Ohne dich -premio do público e premio ao mellor guión- alcanzando un 4,35 de media. Seguíronlle De nieuwe wereld (4,23) -gran premio Calpurnia á mellor película, premio Carlos Velo á mellor dirección e mención especial do xurado ao elenco de intérpretes da película- e A história da eternidade (4,05) -mención especial do xurado ao director de fotografía, Beto Martins-.

Categoría: Noticias
Etiquetas: