A menos de dous meses para o inicio da grande festa do cine na cidade, Isabel Pérez, presidenta do Consorcio para o Festival de Cine Internacional de Ourense (OUFF), e concelleira de Cultura, descubriu o prototipo da súa decimosexta edición: a selección oficial de películas en competición e o seu cartaz, icona da campaña promocional.
«O cerne do 16OUFF está centrado do 14 ao 23 de outubro, pero o traballo no Festival vén sendo un continuo dende o mes de xaneiro: artellar unha programación estable de cinema fóra do circuito comercial deunos a oportunidade de escoitar as opinións do público, de facer autocrítica e de ter un referente claro para peneirar as preto de 2.000 películas candidatas que chegaron á oficina do Festival este ano», dixo Pérez. O resultado deste labor de selección final, obra de César Silva («a única persoa que desenvolve o labor de programación dende o inicio da andadura do Festival», lembrou Isabel Pérez), Antonio Ginori e Óscar Iglesias, son cinco seccións oficiais innovadoras e de calidade.
Filosofía do 16OUFF e Selección Oficial
Unha escolma de películas tematicamente comprometidas, as que fan posible unha mellor comprensión do noso mundo. Filmes que, segundo o criterio do comité de selección deste 16OUFF, serven para cambiar o mundo… sempre dende a fonda reflexión dos espectadores. «De aí a invocación á singularidade», dixo Pérez, «establecendo un diálogo cara a cara con cada persoa e incitando a dar un paso adiante: preparados para evolucionar. De aí, tamén, o lema: Tócache!«
As seccións oficiais, coma en anos anteriores, son cinco: Longametraxes (10), Documentais (13), Curtametraxes (45), Animación (29) e Novos Media (21). En total, 118 filmes procedentes de 45 países. Filmes que nos traen os primeiros testemuños da crise, facendo especial fincapé na problemática das migracións, na difícil convivencia nun mundo cada vez máis globalizado, pero no que o mercado pasa coma unha apisoadora sobre as identidades e as diferenzas que nos enriquecen.
O cartaz_ O outro punto forte da presentación de hoxe foi o cartaz elixido para esta 16 edición. En palabras de Diego G. López, voceiro do 16OUFF, «é unha apelación ao espectador, e de forma moi directa: invocando a un público que consideramos maduro, evolucionado no discurso cinematográfico, posuídor dunha intelixencia emocional que se manifesta nas diferentes actitudes de alegría, de temor, de sufrimento, de asombro, de complicidade…».
O cartaz está inspirado na película Shirin (2008) de Abbas Kiarostami, onde se amosan os rostros dun cento de mulleres sentadas nun cine. A autoría do cartaz é do propio equipo do Festival, e está conformado por unha serie do fotógrafo Daniel Gallego. Os protagonistas das imaxes son integrantes da Aula Universitaria de Teatro Maricastaña, da compañía Trécola Teatro e de Marañao Teatro, e acoderon voluntariamente á chamada do Festival de Cine.
Na quenda de preguntas, Isabel Pérez confirmou que o orzamento deste 2011 é de 450.000 euros, «que non son exclusivamente para as actividades do 14 ao 23 de outubro senón para cubrir a actividade do Festival ao longo do ano». No referente ao labor de dirección do 16OUFF, Pérez salientou «a estraordinaria capacidade de traballo da equipa actual, quen de coordinar, dirixir, programar , deseñar… aínda que se segue buscando novo modelo de xestión para vindeiros anos». Porén, quixo incidir en que se traballa “en contacto permanente coas diferentes institucións audiovisuais de Galicia”.
Por último, Isabel Pérez e Diego G. López lembraron a derradeira proxección do Baixo as Estrelas: o Play-Doc de Tui será o evento homenaxeado coa proxección de Todos vós sodes capitáns, de Oliver Laxe. Será este venres 26 ás 23:00 horas na praza de San Martiño.