149 CURTAS DE 38 PAÍSES OPTARÁN AOS PREMIOS DE CURTOCIRCUÍTO

4 / 09 / 2008

Curtocircuíto, o Festival Internacional de Curtametraxes organizado pola Concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo e a Concellaría de Cultura de Santiago de Compostela, seleccionou esta semana os títulos que formarán parte da Sección Competitiva do Festival. España é o territorio con máis traballos seleccionados, seguido por reino Unido e Francia.
O equipo de preselección estivo composto por 12 persoas que, tras 30 horas de deliberación, seleccionaron 149 traballos entre os 2558 presentados ao concurso. As curtas seleccionadas competirán en 4 seccións diferentes: Categoría Galega, Feito en España, Internacional (que agrupa ficción, animación e documental) e Explora (que inclúe as curtas máis innovadoras presentadas este ano).

España é o territorio que conta con maior número de traballos seleccionados (37) seguida por Reino Unido (24) e Francia (13). Outros países como Tailandia, Irán, Xapón, Etiopía ou Islandia tamén contan con representación no Festival compostelán.

Estas curtas poderán verse no Teatro Principal de Santiago de Compostela a partir do 17 de outubro. Os gañadores dos 8 premios que concede Curtocircuíto desvelaranse na Gala de Entrega de Premios que clausurará a V edición do Festival o 24 de outubro.

Ademais da Sección Competitiva, a Semana Oficial do Festival contará con programas temáticos fóra de concurso que incluirán curtas do Festival de Sundance, curtas de humor, vídeos musicais, curtas para nenos e para adolescentes, programa UIP…

As actividades de Curtocircuíto, coordinadas polo departamento dirixido polo nacionalista Xosé Manuel Iglesias, inclúen tamén o III Mercado Internacional de Curtametraxes. O catálogo deste ano conta con 2.647 curtas procedentes de 93 países, que estarán a disposición de tódolos profesionais acreditados no Mercado, que se celebrará entre o 20 e o 24 de outubro co obxectivo de promover as relacións comerciais entre curtometraxistas, compradores, distribuidores e demais profesionais que visiten o Festival neses días. Ademais, dentro do marco do festival, organizaranse obradoiros de formación, master clases, exposicións, e moitas outras iniciativas relacionadas co cinema curto.

Para máis información sobre o Curtocircuíto e as súas actividades pode consultar a web do festival www.curtocircuito.org.

Categoría: Noticias
Etiquetas: