A nosa asociada Sandra Sáchez dirixiu A nena azul “como unha necesidade de experimentar coa ficción e de explorar o universo dunha nena que era a protagonista dunha longa que estaba escribindo, A nadadora”. A curtametraxe obtivo, entre outros recoñecementos, o Mestre Mateo á Mellor Curtametraxe de Imaxe Real en 2019.
Falamos coa cineasta e montadora deste proxecto e doutras inquedanzas, agora que A nena azul ven de incorporarse ao catálogo de Fiestra.gal para este curso 2021-2022.
Es unha das primeras mulleres tituladas en dirección pola Escola de Imaxe e Son de Someso. De que maneira afectou este aspecto ao teu desenvolvemento profesional?
A presenza da muller no audiovisual cambiou moitísimo dende que eu empecei, xa que daquela era prácticamente inexistente. Na primeira promoción da EIS, no ano 92, eu era a única muller entre 60 estudantes e case unha ducia de profesores. Formeime sen ter referentes femininos.
Penso que me tocou vivir un tempo no que as mulleres directoras o tiñan máis difícil para demostrar a súa valía. Os equipos de rodaxe eran maioritariamente masculinos, especialmente as xefaturas de equipo, e había departamentos case vetados para as mulleres. Custaba moito poñer proxectos ambiciosos en mans dunha muller, cousa que, ainda que en menor medida, segue pasando. Cada vez hai máis mulleres directoras, pero a meirande parte dos seus proxectos son máis pequenos e teñen orzamentos baixos.
“Na primeira promoción da EIS, no ano 92, eu era a única muller entre 60 estudantes e case unha ducia de profesores”.
Sandra Sánchez, cineasta.
Traballaches como montadora e directora, abarcando numerosos ámbitos e xéneros, con cal te identificas máis e por que?
Creo que cos anos vivín unha evolución. Durante un tempo interesoume moito o documental, e todo o que tiña que ver coas narrativas que teñen o real como punto de partida. Atraíanme especialmente eses traballos que toman corpo na montaxe, nos que a montaxe é parte substancial da escritura do filme. Co tempo evolucionei cara a ficción, e agora síntome aí moi cómoda. Acabo de participar na montaxe da última película de Jorge Coira, Código Emperador, e a finais de ano tamén montarei a longametraxe O corpo aberto, de Ángeles Huerta. E como directora, o meu próximo proxecto, A Nadadora, é tamén unha longametraxe de ficción.
Qué supuxo para ti gañar o Mestre Mateo por un proxecto tan persoal como o documental Tralas luces? Foi algo inesperado?
Foi unha satisfacción enorme recibir o recoñecemento dos compañeiros de profesión por un traballo que significou tanto para min no personal. Tralas Luces foi unha viaxe inesquecible que durou case catro anos da miña vida.
Volviches gañar con A nena azul. Que cambiou no teu xeito de traballar entre os dous proxectos?
Fundamentalmente creo que entre eses dous proxectos fixen ese tránsito entre o documental e a ficción que me está levando a explorar novos camiños.
Como asociada da Academia, como valoras a evolución do sector entre eses dous premios?
Eu destacaría o incremento da presenza de mulleres creadoras, que ainda é insuficiente, pero ten unha evolución prometedora. Tamén a aparición dunha nova xeración de cineastas moi diversa e heterodoxa que conseguiu grandes logros a nivel internacional.
Nestes anos o sector profesionalizouse, pero tamén houbo paróns e etapas de grande precarización. Últimamente, coa aparición das plataformas parece que se está vivindo unha reactivación.
“Destacaría o incremento da presenza de mulleres creadoras, que ainda é insuficiente, pero ten unha evolución prometedora”.
Sandra Sánchez, cineasta.
De todos os proxectos nos que traballaches ao longo deste anos, cal é do que máis orgullosa estás ou cal ten un significado máis especial para ti?
Tralas Luces e A nena azul son obras moi distintas en xénero, temática, duración… e representan momentos moi diferentes da miña vida, pero as dúas teñen para min un especial significado.
A experiencia de Tralas Luces foi moi intensa. Foron nove meses de rodaxe, de convivencia cos protagonistas, viaxando con eles, sendo testemuña da súa vida e mesmo formando parte dela. O proceso da montaxe foi moi longo e case traumático, levoume un ano e medio desentrañar as 225 horas que tiña de material filmado.
E A nena azul supuxo un punto de inflexión. Porque levaba un tempo alonxada da dirección, polo salto á ficción, e porque me atrevín a autoproducilo, un paso que pensei que nunca daría. Tamén tiña moitas ganas de dirixir actores, e a experiencia coas nenas protagonistas, Carla e Lucía, e co actor Sergio Zearreta, foi marabillosa.
A longametraxe A nadadora continúa a historia da protagonista de A nena azul. Podes contarnos en que fase se atopa nestes momentos?
A nadadora é un proxecto de longametraxe que xurdiu hai anos, pero que non atopou ata o de agora o seu camiño, da man de Setembro Cine e a súa produtora, Fernanda del Nido. Estou contentísima de volver traballar con Fernanda, quen xa fora produtora da miña primeira longa, Tralas Luces. E co apoio de Setembro Cine, unha empresa que ten no seu historial filmes tan relevantes como Una mujer fantástica, Neruda, Princesita ou La boda de Rosa.
O filme foise transformando. A nena protagonista de A nena azul (Sira) acabou convertíndose en Nico, a adolescente de A nadadora. Mentres que a curta tiña un ton máis amable, case de conto infantil, A nadadora é unha película moito máis escura, máis desacougante e máis próxima ao xénero fantástico, co telón de fondo da Costa da Morte nos anos 90.
O proxecto está en fase de desenvolvemento, para o que recibiu a axuda da AGADIC, e agora mesmo estamos moi centradas no traballo de guión. Incorporouse á fronte da escritura Ana Piterbarg, guionista e directora arxentina, responsable de películas como Todos tenemos un plan. E tamén a cineasta Ángeles Huerta, coa que xa colaborara na montaxe do seu documental Esquece Monelos, e que está a piques de comezar a rodaxe da súa primeira longa de ficción, O corpo aberto. Teño a sorte de estar traballando cun equipo de mulleres con moitísimo talento e das que non paro de aprender.