A pesar da súa xuventude, no currículo do noso asociado Pablo Lamosa figuran algúns dos proxectos audiovisuais máis exitosos dos últimos tempos. Titulado en Comunicación Audiovisual na Universidade de Vigo, empezou a súa andaina profesional vencellado a produtoras galegas traballando como cámara, editor e postprodutor para, en 2016, dar o salto a Madrid para traballar en El Ranchito como compositor de VFX. En 2020 regresa a Galicia para fundar Cormorán, un estudio que, baixo o slogan “Efectos visuais creados desde o Atlántico” ofrece os seus servizos de composición e VFX desde Bueu.
Hai dúas vertentes principais do traballo de efectos visuais “unha máis centrada no que eu chamo ‘apoio á edición’ que é un traballo máis técnico de facer modificacións sobre a imaxe que non se acadan dende a edición ou a etalonaxe: certos retimings, borrados, pantallas partidas, fluidmorph, redución de gran, reescalados… E despois está a parte máis ‘artistica’ que vén dada pola integración de elementos, cromas, mattepaintigs, simulacións, apoio a fx de rodaxe (incluíndo lume, fume, bruma). Dentro desta parte máis creativa, precísase unha planificación previa e unha supervisión en rodaxe para axudar a que todo saia segundo o previsto, e que se poida facer o efecto desexado sen máis complicacións”.
Despois de varios anos traballando en Madrid decides regresar a Galicia e montar o teu propio estudio de efectos visuais, Cormorán VFX. Foi difícil tomar esa decisión?
O de volver non foi unha decisión difícil. Cando marchei xa pensaba que nalgún momento ía regresar. O de montarse por libre si que tiven que meditalo máis, emprender nestes tempos non semellaba cousa fácil, pero entendín como a mellor opción continuar o meu camiño nos VFX aquí.
“Precisase unha planificación previa e unha supervisión en rodaxe para axudar a que todo saia segundo o previsto, e que se poida facer o efecto desexado sen máis complicacións”
Pablo Lamosa, Cormorán VFX
Un dos primeiros encargos que asumes desde Cormorán son os efectos para 3 Caminos, a serie de Ficción Producciones para Amazon Prime Video. Podes explicarnos en que consistiu o teu traballo?
O meu traballo dentro da serie abarca a planificación de como rodar os efectos e a supervisión da rodaxe dos mesmos; polas restricións da alerta sanitaria tívose que xestionar de maneira non presencial nalgunha ocasión, ata a propio traballo de composición nos planos.
Nesta serie temos efectos moi variados: algúns planos con mattepainting, onde simulamos outras localizacións diferentes das que están rodadas, a recreación dunha central nuclear e o seu perímetro, secuencias de ventanais con croma, secuencias ás que houbo que reforzar os efectos físicos de fume e lume, simulacións de bafos ao respirar a xente para dar sensación de frío, integración de estrelas en certos planos nocturnos, incrustación de pantallas, todo tipo de borrados pero en especial os da andamiaxe e demais obras da Catedral de Santiago.
Empezaches traballando como cámara, editor e postprodutor; de 2012 a 2016 xa traballaras en Ficción Producciones como posprodutor e compositor e aí das o salto a Madrid para traballar en El Ranchito como compositor de VFX. En que momento e por que decides dedicarte en exclusiva aos efectos visuais?
Foi algo que dende a carreira sempre me chamou a atención grazas a un profesor que tiñamos Luis Faraón quen nos explicou en que consistían. Chegou un momento no que aquí xa me vía moi limitado para seguir medrando dentro dese campo e xurdíu a oportunidade, bastante casual, e non puiden dicir que non a irme a unha das mellores empresas do estado de VFX cando me chamaron.
Durante a túa etapa en Madrid traballas en proxectos con grande proxección como Veneno (Atresmedia), Paquita Salas 3 (Netflix), Game of Thrones (HBO) ou Élite (Netflix). Hai algún destes traballos que consideres que marca un punto de inflexión na túa carreira?
Dous claramente: Game of Thrones (HBO) e 30 monedas (HBO). A maneira de traballar en GOT dentro de El Ranchito era absolutamente incrible, eramos moita xente en moitos estudios repartidos polo mundo. Para que as cousas funcionasen todas as engrenaxes tiñan que encaixar á perfección. O traballo de organización e de produción dos efectos era unha marabilla, e o coidado co que se traballaba cada plano, digno de admirar. Por outro lado, 30 monedas permitiume achegarme aínda máis á supervisión en Set de VFX dunha gran serie. Tiven a sorte de que en Deluxe confiaran en min para ir de axudante de supervisor de VFX en set en varios momentos da gravación da serie e xa só por ver traballar o gran equipo de Álex de la Iglesia, pagaba a pena.
“Moita xente nin sequera sabe que en Galicia se fan efectos visuais, e xa é hora de demostrar que iso non é certo”
Pablo Lamosa, Cormorán VFX
O slogan do teu estudio, CormoránVFX é “Efectos visuais creados desde o Atlántico”, que beneficios tivo para ti instalarte en Bueu desde o punto de vista laboral?
Volver formar parte activa do audiovisual galego facíame moita ilusión; coido que aquí se están a facer cousas moi interesantes. O slogan era unha maneira de expresar dende un principio que dende esta punta da península tamén se poden e de feito xa se están a facer VFX para producións de carácter estatal e internacional.
Ademais, agora mesmo, e máis durante a pandemia, o traballo telemático está á orde do día. O contacto cos clientes téñoo sobre todo en rodaxe, pero as revisións, reunións e visionados case sempre son online. Así que onde estea situado o estudio ten relativa importancia. O grande beneficio máis que laboral é persoal, porque podo vivir onde sempre quixen vivir, onde están os meus e a miña familia. Ademais Bueu está a menos dunha hora de Santiago e a menos de media de Vigo, iso en cidades como Madrid é máis ou menos a media de tempo que a xente tarda tódolos días en chegar ao seu traballo.
A vinculación con Bueu tamén se pode ver no teu traballo no FIC Bueu, onde na actualidade desenvolves o cargo de director técnico. Que pensas que aporta un festival de cine ao ecosistema creativo de Bueu e a súa área de influencia?
Pois un alicente cultural máis para quedarse ou volver aquí. É unha proposta moi interesante que, na miña opinión, ano a ano vai medrando en calidade e profesionalidade. Ademais o FIC non queda só no festival, senón que durante todo o ano están levando a cabo cursos relacionados co cine, potenciando na vila e nos seus arredores un interese sobre o mesmo.
Moitos premios de audiovisual teñen unha categoría que recoñece os mellores efectos visuais: os Goya, os Oscar, os Premios Sophia que outorga a Académia Portuguesa ou os Globos de Ouro. Pensas que sería positivo incluír esa categoría nos Premios Mestre Mateo?
É unha petición que levo un tempo intentado facerlle chegar á directiva, porque sería de grande axuda para visibilizar o noso traballo. Somos uns cantos traballando disto, pero moita xente nin sequera sabe que en Galicia se fan efectos visuais, e xa é hora de demostrar que iso non é certo, non si? Non hai practicamente produto audiovisual que saia sen VFX: comerciais, programas de TV, ficcións. Seguro que se se fixera esa categoría, descubriríamos cousas moi interesantes que se fan aquí.
Podes adiantarnos algún dos proxectos nos que estás traballando nestes momentos?
Pois a confidencialidade nestes traballos é un dos grandes requisitos. Si podo adiantar que tiven a sorte de que Portocabo contara comigo para levar os VFX da súa próxima película Cuñados que sairá en breve, e ando moi en contacto coa xente de Meira de Gaitafilmes que ten proxectos moi interesantes por vir. De momento pouco máis podo dicir, pero estade atentas e atentos as redes sociais de Cormorán.