Entrevista | Nati Juncal (CIMA): “Temos unha débeda coas mulleres que pasaron antes abríndonos camiño”

3 / 12 / 2024

Conversamos coa delegada de CIMA en Galicia, despois de recoller o XIII Premio Sellier da Academia Galega do Audiovisual.

Que significa para CIMA recibir o Premio José Sellier pola súa especial relevancia para o sector audiovisual?

O Premio José Sellier distingue o labor de iniciativas de especial relevancia para o conxunto do sector audiovisual, polo tanto é unha honra ser merecente. Un dos obxectivos de CIMA é promover medidas que fomenten a igualdade de oportunidades no sector e, nese sentido, conseguiu moitas melloras, o que supón un progreso enorme non só para o sector, senón tamén para a sociedade.

Podes falarnos un pouco da delegación de CIMA en Galicia (canto tempo leva activa, que delegadas pasaron por ela, principais fitos)?

A delegación territorial de Galicia foi a primeira das oito actuais. Constituiuse en 2009 e conta, a día de hoxe, con 59 socias. As delegadas ate hoxe foron: Chelo Loureiro, Marta Villar e máis eu.

Esta delegación organizou o ‘II Congreso Cima’ en Santiago de Compostela no ano 2010 e dende o ano 2021 colabora coa Deputación de Pontevedra na celebración do ‘Premio Mulleres no Foco’. Este premio distingue cada ano a tres mulleres da industria con perfís con perspectiva de xénero, activistas polo recoñecemento da muller no sector e impulsoras do emprego feminino no audiovisual galego.

CIMA Galiza tamén desenvolveu o primeiro traballo sobre o audiovisual en Galicia, “Representación e representatividade das mulleres no audiovisual galego. Ficción 2020”, coa colaboración da Deputación de Ourense.

Cales consideras que foron os principais fitos acadados por CIMA ao longo da súa traxectoria?

Creo que CIMA desenvolve unha serie de medidas e actividades que no seu conxunto impulsaron a carreira das mulleres no sector. A introdución do sistema de puntos nas axudas públicas promoveu que mulleres de departamentos, tanto artísticos como técnicos, foran tidas en conta á hora de conformar as equipas dos filmes: directoras de fotografía, compositoras, directoras de arte, sonidistas, etc.

Tamén a reserva de crédito nas subvencións para proxectos liderados por mulleres supuxo un avance na igualdade de oportunidades para todas, porque alí onde as mulleres lideran, outras teñen máis oportunidades.

Por outro lado, CIMA desenvolve unha serie de programas como o ‘CIMA Impulsa’ ou o ‘Mentoring 1to1’, onde mulleres profesionais con traxectorias extensas apoian a compañeiras que están nos inicios da súas carreiras.

Que retos aínda quedan por afrontar para acadar unha representación máis equitativa no sector audiovisual?

Queda moito camiño por percorrer para chegar ao 50-50, que sería a porcentaxe máis equitativa, e tamén hai compañeiras que o teñen máis difícil que outras. Penso nas compañeiras máis novas, nas que teñen menos recursos económicos para estudar cine, pero tamén nas de máis idade, que desenvolveron as súas carreiras nun momento onde había moi pouco espazo para as mulleres cineastas e agora que se abriron máis ocos tampouco parece que sexan para elas.

CIMA conseguiu moitas medidas alí onde chegan as políticas públicas mais no sector privado, non dependente de axudas públicas, queda moito por facer.

Como afecta a perspectiva de xénero á creación de contidos? Observas un cambio na narrativa grazas á maior presenza de mulleres?

É importante dicir que a perspectiva de xénero promove cambios que van máis alá do que vemos nas pantallas. Non se trata só de que películas se fan e os temas que tratan, senón tamén de como se fai o propio cine, que relacións se dan na rodaxe e fomentar que o traballo sexa un espazo seguro, libre de violencias. Nese sentido están sendo moi importantes a introdución de protocolos de prevención de medidas de acoso e o traballo das coordinadoras de intimidade para as secuencias íntimas, que esperamos que sexan figuras obrigatorias no futuro.

En canto aos contidos, é innegable a influencia da representación do que vemos nas pantallas na socialización e construción das persoas. Este é un tema amplísimo e hai moitos informes elaborados ao respecto, mais en xeral podo dicir que a perspectiva de xénero, a aparición de novas temáticas e novas olladas, sobre todo, aumentou o tipo de personaxes e relacións que se dan nos produtos audiovisuais.

Por exemplo, no Informe elaborado por CIMA Galicia en 2020 sobre a Representatividade das mulleres no audiovisual galego hai datos moi interesantes sobre a análise de roles de xénero das personaxes e nos vínculos e relacións que tecen entre eles. Os resultados mostraban que o grao de conflitividade entre homes chegaba ate o 70% e, por outro lado, nas relacións entre mulleres mostraba un 70% de vínculos de apoio fronte aos 42,10% vínculos de conflito. Isto fainos pensar, por un lado, que persiste unha socialización dos homes a través da violencia e, por outro, racha estereotipos sobre a rivalidade entre mulleres.

Penso tamén no que dicía Jaione Camborda na presentación de ‘O Corno’ en San Sebastián sobre a representación audiovisual de mulleres parindo. Estamos acostumadas a ver no cine e tv, mulleres sempre histéricas, gritando, asustadas, cando na realidade durante o parto a conexión das mulleres co seu corpo é total e o ambiente é máis dunha concentración intensa.

Neste sentido é moi importante a análise dos contidos infantís para saber que sociedade estamos construíndo. Podemos tirar conclusións do ‘Informe sobre o contido das series infantís’, elaborado por CIMA e a Universidade Complutense en 2022, que mostra que a representación das mulleres e homes segue ancorada nos estereotipos: séguese entronizando aos varóns, dándolle case a exclusividade do protagonismo, seguen sendo os líderes e heroes, mentres a representación das mulleres segue condicionada aos roles clásicos, sinalando como horizonte o entorno familiar ou o débito romántico.

Que obxectivos ten CIMA en Galicia para os vindeiros anos?

Os obxectivos son os mesmos que para a organización estatal: o ideal é que coas delegacións se dea unha relación de ida e volta, que en Galiza nos poidamos nutrir e beneficiar das accións e actividades desenvolvidas a nivel estatal e influír nelas desde a nosas necesidades específicas.

Aquí é importante tecer unha rede de colaboración entre as compañeiras e tamén con outras asociacións para traballar conxuntamente. Agora mesmo estamos a traballar co resto de asociacións na elaboración dun ‘Protocolo de prevención de acoso sexual no ámbito laboral no sector audiovisual’. Mantemos a colaboración coa Deputación de Pontevedra para a celebración de ‘Mulleres no foco’ e estamos abrindo conversas con outras institucións para novas iniciativas.

Como pode a sociedade, máis alá do sector audiovisual, contribuír a apoiar o traballo de organizacións como CIMA?

Participando en todo tipo de asociacións e iniciativas feministas e introducindo a perspectiva de xénero nos seus distintos ámbitos profesionais, colectivos e privados. O traballo de CIMA enmárcase dentro dos avances do feminismo. Nese sentido CIMA é unha ferramenta do Feminismo para mellorar a situación das mulleres dun sector específico, neste caso o audiovisual, e levar a perspectiva de xénero á arte e o entretemento que consume o público.

Que mensaxe che gustaría transmitirlles ás novas xeracións de mulleres que queren abrirse camiño no cine e na televisión?

Primeiro, que saiban e que confíen en que este é o seu lugar tanto como o de calquera. Logo, paréceme importante que, en paralelo ao seu desenvolvemento profesional e persoal, tomen conciencia de que temos unha débeda coas que pasaron antes abríndonos camiño e que esta débeda se paga parcialmente contribuíndo á que as seguintes xeracións o teñan máis fácil que elas.

Categoría: Novas
Etiquetas: