Gonzalo Suárez: “O mellor que lle podería pasar ao festival e eliminar a palabra inclusivo da súa denominación.”

9 / 02 / 2021

Facer visible o invisible, ese é o lema do VIIFF – Festival de Cine Inclusivo de Vigo, un evento que naceu o ano 2016 coa vontade de sensiblizar sobre a inclusión na nosa sociedade, en distintos ámbitos, e para derrubar as distintas barreiras que dificultan o acceso do público ao audiovisual.

Falamos co noso asociado Gonzalo Suárez, responsable do VIIFF xunto con Teresa Barberena, sobre esta cita que acaba de entrar a formar parte de Proxecta, a coordinadora de festivais de Galicia e que, a pesar das limitacións debidas á crise sanitaria, seguiu medrando en contidos e repercusión “temos a sorte de que o Festival suscitou moito interese desde a súa primeira edición, contando cun público asiduo e nesta edición non nos abandonou malia a situación sanitaria. Ademais, ano tras ano, gañamos novos públicos”. 

Un bo indicador deste interese é que todos os anos hai algunha sesión que ten que colgar o cartel de “non hai billetes”, incluída nesta edición condicionada pola pandemia “coas restricións pasounos máis dunha ocasión porque eran aínda os aforos máis reducidos. Esperamos que na vindeira edición xa non haxa restricións pola COVID e poidan gozar do cinema todos os nosos espectadores que o desexen.

Ademais as seccións online tamén tiveron moita aceptación. Por exemplo, a sección Coñece! na que todos os anos temos en sala a 600 estudantes de bacharelato, en dúas sesións. Nesta edición foi unha sesión online e estiveron conectados uns douscentos, de escolas de toda Galicia para escoitar a conferencia do guionista Manuel Burque sobre a serie Vida Perfecta. Tamén tivo moito éxito a conferencia sobre a serie O último show na que participaron os guionistas Sara Alquézar, Enrique Lojo e o protagonista Miguel Ángel Tirado “Marianico el corto”. En canto a nova sección competitiva e online de webseries recibimos máis de 13.000 votos para decidir o premio do público.

Gonzalo Suárez e Teresa Barberena na pasada edición do VIIFF. Foto: VIIFF

Cal é a persoa convidada que máis máis pegada deixou nestes cinco anos?

Este é un evento cinematográfico moi humano. A verdade é que todos e cada un dos convidados e convidadas que pasaron polo festival destacan pola súa sensibilidade e solidaridade cara os outros, e iso queda patente nas súas creacións audiovisuais. Para nós foi un pulo cando na terceira edición aceptou o noso convite o director Javier Fesser e o produtor Luis Manso así como os actores Alberto Nieto e Sergio Olmo, unhas semanas despois da estrea de Campeones. Foron moi xenerosos con nós e con todos os espectadores que se achegaron ao pase.

Tampouco podemos esquecer que o primeiro ano do festival tamén estivo con nós o director Roberto Pérez Toledo coa súa película Seis puntos sobre Emma, na cuarta, Luis Avilés, con Idénticas e Paola García Costas con Todos los Caminos. Todos e cada un deles van marcando o carácter do Festival coas súas aportacións.

Hai que destacar que os profesionais do audiovisual galego sempre están apoiando o festival: asistindo, facendo presentacións das súas obras…

Gonzalo Suárez. Director do VIIFF – Festival de Cine Inclusivo de Vigo.

E quen che faría especial ilusión que pasara polo festival nas vindeiras edicións?

Todo o mundo é ben recibido no festival. Este ano quedounos a pena de non convidar a creadores de fóra de Galicia pola situación sanitaria. Todas as conferencias e recollidas de premios foron online. Así que botamos de menos a calor dos e das cineastas nas sesións presenciais. Por destacar a a alguén da última edición, tivemos moito contacto co director estadounidense, Jim Lebrecht, desde que lle anunciamos que gañou o premio á mellor longametraxe documental pola súa obra Crip Camp (producida polos Obama), que, por certo, recibiu a posteriori o galardón da International Documentary Association e está posicionada como unha das favoritas aos Óscars. Lebretcht quedou entusiasmado co festival e asegurounos que o premio será a primeira aportación na fundación que quere abrir en prol dos dereitos das persoas con discapacidade. Se no futuro quisexe vir a dar algún obradoiro ou conferencia sería moi ilusionante para nós.

Igualmente, hai que destacar que os profesionais do audiovisual galego sempre están apoiando o festival: asistindo, facendo presentacións das súas obras… e este ano tampouco fallaron á cita.

Foto: VIIFF

Como enfrontades outra edición marcada, previsiblemente, polas restricións sanitarias?

Crucemos os dedos para que en outubro poidamos volver á “vella normalidade”. De non ser o caso, seguiremos cumprindo os protocolos que se nos marquen desde as Administracións, como fixemos nesta edición. Un dos obxectivos do festival é apoiar á creación audiovisual. Así que seguiremos adiante para que as directoras e directores teñan pantallas para amosar as súas obras e teñan o recoñecemento que se merecen.

O mellor que lle podería pasar ao festival e eliminar a palabra “inclusivo” da súa denominación. Isto significaría que xa todos os festivais son inclusivos e accesibles para todos os públicos.

Gonzalo Suárez. Director do VIIFF – Festival de Cine Inclusivo de Vigo.

Cal é a vosa perspectiva a medio e longo prazo para o festival?   

A pasada edición incrementamos o número de seccións, nunha aposta por apoiar aos creadores con sensibilidade pola inclusión. Nestes momentos temos cinco seccións competitivas: de longametraxes de ficción, de longas documentais, de curtas documentais, de curtas de ficción e de webseries. Agora queremos, pouco a pouco, facelas accesibles para todos os públicos. Desde a primeira edición, temos audiodescrita e subtitulada para as persoas con discapacidade visual e auditiva o apartado de curtametraxes de ficción, xa que esta foi a nosa primeira sección. Agora que medramos queremos tamén facer accesibles outras seccións como a de curtametraxes documentais.

En canto a longo prazo o mellor que lle podería pasar ao festival e eliminar a palabra “inclusivo” da súa denominación. Isto significaría que xa todos os festivais son inclusivos e accesibles para todos os públicos e nós pasaríamos a ser un evento cinematográfico máis no panorama europeo con sensibilidade ou carácter propio cara certas realidades. Este foi o desexo que pediu para nós Javier Fesser cando veu.

Todos xuntos somos máis fortes e debemos traballar para proxectar os creadores galegos fóra e traer novas ideas para enriquecernos

Gonzalo Suárez. Director do VIIFF – Festival de Cine Inclusivo de Vigo.

O VIIFF – Festival de Cine Inclusivo de Vigo vén de incorporarse a Proxecta. Por que é importante a existencia da coordinadora nun contexto como o actual?

Unha asociación de festivais é necesaria en calquera situación para coordinarnos e así ofrecer unha programación de calidade e variada. É un espazo de traballo en común en prol da exhibición en Galicia. Ademais cada festival galego ten o seu propio carácter único e irrepetible. Todos xuntos somos máis fortes e debemos traballar para proxectar os creadores galegos fóra e traer novas ideas para enriquecernos. Esta necesidade, claro, nunha situación de crise no sector como a que se está vivindo é aínda máis patente.

O obxectivo principal do VIIFF é facer do cinema unha arte inclusiva. Estamos moi lonxe de que sexa así? Cales son as principais eivas respecto da inclusión que atopamos no cinema?

As principales eivas son sensoriais (visuais e auditivas) pero tamén físicas, arquitectónicas. Nós podemos actuar, dentro do noso modesto orzamento, sobre as barreiras audiovisuais, coas técnicas de audiodescrición e subtitulado e tamén con intérpretes de lingua de signos. Mais este traballo que facemos, ata esta edición só na sección de curtas de ficción, é custoso. Leva boa parte do orzamento. Aínda así queremos seguir incrementando as seccións ata facer todo o festival accesible. Como podes imaxinar, non o fixemos ata o de agora por falta de orzamento. Outra solución sería que os propios cineastas enviaran as súas propias obras audiodescritas e subtituladas. Este ano pasounos con varias obras, o que nos fai pensar que cada vez hai máis consciencia dos creadores por chegar a máis públicos.

Foto: VIIFF

As restricións están afectando moito ás salas de cinema, e trouxeron un aumento do consumo de cinema en plataformas. Pensades que son unha ferramenta útil a nivel inclusión ou teñen que mellorar na súa accesibilidade?

Non sabería valorar o tema da accesibilidade nas plataformas. Incluso nas televisións abertas non se están cumprindo os ratios establecidos pola lei. O que sí é certo é que as plataformas teñen produtos moi variados que reflicten realidades ata hai pouco excluídas das pantallas. Nós todos os anos contamos coa colaboración de diferentes plataformas para a sección de Coñece! na que proxectamos unha serie para abrir o debate co alumnado de bacharelato. Nestes anos proxectamos en pantalla Atypical, SKAM Vida Perfecta que teñen uns protagonistas diferentes aos estándares tradicionais. Cantas máis pantallas de cine, máis plataformas… mellor para os creadores porque haberá máis demanda de profesionais e tamén para os públicos porque terán produtos máis variados entre os que escoller. Iso sí, cremos que ir a unha sala de cine é unha experiencia social que non pode substituírse polo consumo na casa. Son complementarios e un non ten que desplazar a outro.

Categoría: Entrevistas / Festivais / Novas
Etiquetas: