A Academia de las Artes y las Ciencias Cinematográficas de España convocou a primeira edición das Axudas á Investigación Luis García Berlanga, unha iniciativa que conmemora o centenario do nacemento do cineasta valenciano. Tres foron os proxectos de investigación seleccionados, entre os que atopamos un nome familiar, o do noso asociado José Luis Castro de Paz.
O Catedrático de Comunicación Audiovisual e Publicidade da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela presentou á convocatoria, xunto con Asier Aranzubía Cob, o proxecto Lugar y significación de las prácticas del Instituto de Investigaciones y Experiencias Cinematográficas (IIEC) y la Escuela Oficial de Cinematografía (EOC) dentro del cine español del periodo franquista.
Que foron o Instituto de Investigacións e Experiencias Cinematográficas e a Escuela Oficial de Cinematografía?
Trátase do primeiro centro de estudos cinematográficos que existiu en España, fundado en 1947 por orde do Ministerio de Educación Nacional e xurdido do interese simultáneo desenvolvido en España polo estudo dos aspectos máis técnicos (existían xa cursos de sensisometría e electroacústica aplicables á industria do cine na Escuela de Ingenieros industriales desde 1941), pola relación dol cine coas outras artes e especialmente coa literatura (a Filmoliteratura é xa anos antes unha materia na Facultad de Filología en Madrid, pero a “cinefilia española” dos literatos viña de atrás) e pola lenguaxe do cine (a entón chamada Filmoloxía, cuxa Asociación Española fúndase tamén daquela).
Entre os auspiciadores atópase o gran director Carlos Serrano de Osma (autor de La sirena negra, excelsa adaptación da novela de Pardo Bazán) e o seu grupo de “los telúricos”, do que dalgún modo forma parte tamén Fernando Fernán-Gómez. Entre os profesores non faltan republicanos e comunistas, por moi sorprendente que iso poda parecer hoxe.
“Levamos décadas estudando e analizando o cine español, e probablemente a visión que teñen moitos del débese a unha falta de coñecemento profundo. A idea dun cine “franquista” non ten sentido, máis aló dalgúns títulos concretos”
José Luis Castro de Paz
Pasará a chamarse EOC en 1962 e nas súas diversas épocas formou aos directores e directoras máis importantes do cine español (Bardem, Borau, Berlanga, Patino, Picazo, Regueiro Saura, Erice, Cecilia Bartolomé, Josefina Molina, Gutiérrez Aragón…). As prácticas realizadas polos estudantes son o obxecto da nosa investigación e demostran unha liberdade creativa extraordinaria en ocasións, pois non pasaban censura. A Escuela convértese nunha auténtica fervedoira cultural (un “nido de rojos”, chamábanlle horrorizados algúns dirixentes franquistas) e o seus egresados nutrirán non só o Nuevo Cine Español dos 60, senón tamén TVE, o que explica, por exemplo, esa televisión democrática e de esquerdas realizada desde o mesmo franquismo.
Ides analizar casi 2.000 prácticas de alumnos como José Luis Borau, Mario Camus, Claudio Guerín, Juan Antonio Bardem, Carlos Saura, Pilar Miró, el propio Berlanga… Como se enfronta o investigador a un arquivo tan ampio e descoñecido?
Ben, nós levamos anos estudándoas, e realizamos xa algunas publicacións parciais. Coñeciamos unha importante porcentaxe delas incluso antes de que os arquivos dixitais facilitasen o seu visionado, como acontece hoxe, e gardamos notas de gran parte delas. En calquerar caso, o estudo non será cuantitavivo, porque non todas as prácticas son iguais nin en calidade nin en duración (algunhas sen sonorizar de poucos minutos, outras películas perfectamente acabadas de 30-40 minutos) e existen maneiras diferentes de organizar os resultados (por autor, dende logo; pero tamén por eixes temáticos e formais, incluso hai casos nos que a práctica convértese logo en película comercial…). Estamos niso, e buscaremos a maneira de que os resultados sexan atractivos para o lector, ademais de substanciosos.
Non se trata de elaborar un catálogo (que xa existe na Filmoteca Española, por certo) senón de estudar as relacións e entrecruzamentos desas películas co cine español industrial e contribuír con isto a un mellor coñecemento do noso cine.
A variedade de enfoques, formatos e temas é un denominador común en todas elas?
Hai de todo, e varía moito segundo a época e tamén segundo si se trata de prácticas de primeiro ou de último curso. Algunhas son só bosquexos nos que colaboraban varios alumnos, cada un na súa rama de especialización. Pero sobre todo a partir de principios dos 60 e en especial a práctica final (aínda que non só) constitúen obras de extraordinario calado autoral, tanto documentais como ficcións, aínda que a montaxe e outros aspectos técnicos desenvólvanos os compañeiros desas especialidades. Títulos de Saura (Tarde de domingo), Erice (Los días perdidos), Regueiro (Sor Angelina, Virgen), Diamante (Antes del desayuno), por exemplo, que anticipan sendas que eses mesmos autores transitarán logo nas súas carreiras profesionais.
Como eran estas prácticas formalmente? Eran traballos máis arriscados e experimentais?
Os traballos responden en boa medida ás mesmas vetas creativas que caracterizan historicamente o mellor cine español (“realismo” de orixe neorrealista pero tamén sainetesco, unha temperá tendencia ao grotesco esperpéntico, unha marcada busca do experimental que porén, non esquece nunca a súa vinculación coa cultura popular…), pero fano a veces con menos coartacións, máis audacia e menor temor ao erro. Incluso chaman a atención títulos que desenvolven un marcado interese pola ciencia ficción (como Soy leyenda, Marío González Martín, 1967, a partir da novela de Richard Matheson), sinalando vías que o cine industrial apenas logrou desenvolver.
Algunhas películas, como a práctica final de Claudio Guerín Hill, Luciano (1964-65), por exemplo, son verdadeiras obras mestras da investigación audiovisual. Nela, por exemplo, o seu autor pon en pé un vigoroso recurso fílmico sobre as potencialidades do cine e a televisión como aparello ideolóxico do estado (franquista), partindo d caso real do asasinato dun neno de clase alta polo seu profesor de ximnasia e o seu tratamento amarelento e clasista por parte de TVE.
Polas aulas do IIEC e a EOC pasaron gran parte dos cineastas españois da segunda metade do século pasado. Esta investigación quere aclarar o lugar que as prácticas destes cineastas ocupan na historia do cine español del periodo franquista. Ao non exhibirse publicamente e non estar suxeitas á censura que imperaba no cine profesional, podería dicirse que había máis marxe para tratar temas políticos ou culturais vetados?
Sí, moita máis marxe que no cine comercial, dende logo. Algunhas destas prácticas sorprenden extraordinariamente ao público actual polos seus discursos, abertamente progresistas e nidiamente antrifranquistas, sobre cuestións políticas, sociais, culturais, relixiosas, etc. Un caso moi chamativo é, dende logo, Margarita y el lobo (Cecilia Bartolomé, 1969), musical vangardista e moderno, de vibrante discurso feminista, nos antípodas dos “ideais” do Réxime.
O resultado da vosa investigación pode cambiar a visión que temos da cinematografía española do período franquista?
Levamos décadas estudando e analizando o cine español, e probablemente a visión que teñen moitos del débese a unha falta de coñecemento profundo. A idea dun cine “franquista” non ten sentido, máis alá dalgúns títulos concretos (Raza dende logo, cuxo director Sáenz de Heredia, por certo, colabora con Buñuel nalgunhas das películas máis progresistas da República… e dirixe logo a EOC). E dentro do cine realizado baixo o franquismo hai obras mestras, escuras, disidentes desde os anos 40.
Non só existen Bardem e Berlanga e logo o novo cine español. A filmografía española de posguerra, a través de figuras como Edgar Neville, por exemplo, é capaz de manter pese a todo sólidos vencellos coa do período republicano. Neste contexto, o estudo das prácticas do IIEC-EOC é unha peza máis para contribuír a esta nova memoria do cine español baixjo o franquismo, ao amosarnos sendas novas, ás veces apenas transitadas, outras embriónes de grandes obras posteriores. Os historiadores fomos capaces de desterrar tópicos, pero fai falla publicitar os resultados do seu traballo.
“A Escuela convértese nunha auténtica fervedoira cultural e os seus egresados nutrirán no só o Nuevo Cine Español dos 60, senón tamén TVE, o que explica, por exemplo, esa televisión democrática e de esquerdas realizada desde o mesmo franquismo”
José Luis Castro de Paz
O Comité de Selección das Ayudas a la Investigación Luis García Berlanga constatou o “elevado nivel e a alta calidade” dos proxectos presentados e destacou “a necesidade de iniciativas públicas e privadas que promovan a investigación ao redor da cinematografía iberoamericana”. As axudas Berlanga nacen este ano; os Premios María Luz Morales de ensaio y videoensaio sobre el audiovisual que organiza a Academia Galega do Audiovisual van xa pola súa quinta edición. Está gañando presenza a investigación cinematográfica?
Presenza quizais no que á necesaria implicación e axuda das Academias profesionais se refire e á súa, en ocasiones, maior repercusión pública, pero existen multitude de departamentos universitarios de historia, teoría e análise do cine que investigan sin cesar dende hai décadas, editoriais que publican eses traballos, congresos internacionais, revistas especializadas, etc.
A Academia de las Artes y las Ciencias Cinematográficas de España concede hai xa moitos anos o premio Ricardo Muñoz Suay ao mellor libro de investigación sobre cine español, e no seu día contou cunha revista de investigación (Cuadernos de la Academia) e auspiciou tamén o Diccionario del cine español, dirixido por Borau (1998), no que escribimos. De pouco valen os premios se os resultados non se publican e se dan a coñecer más alá dunha web.